
Emiliano García-Page expresou o seu sentir, moi crítico co presidente do Goberno (e co seu partido político) no Comité Federal do PSOE. Nestas declaracións, nin insultos, nin botar a culpa dos males propios á oposición. Expuxo o que cre debe facer o seu partido e o presidente para gozar dunha confianza que entende perdida. Porque Page, alto representante do partido, séntese afectado polos últimos acontecementos. Escoitar as verdades, ou os pareceres doutros, moitas veces doe, non o dubido, pero tamén é certo que só se constrúe ben cando os cimentos están saneados.
Con todo, a resposta que atopou foron pitos e protestas na rúa e reprimendas dos compañeiros, molestos polas súas declaracións, cando agardaban que calase e defendese a actitude do líder.
Sorpréndeme, máis aínda se comparamos coas reaccións no Congreso do PP, o partido da oposición. Como non, aquí hai que falar de Isabel Díaz Ayuso. Non sei que importancia ten para o partido que en Madrid se celebre unha das feiras horto-frutícolas máis salientables de España, pero ela prezouse do evento porque seica lles gusta moito a froita.
«Me gusta la fruta» é un eufemismo co que insulta gravemente a Pedro Sánchez. Non preciso explicar o que por todos é coñecido. Neste caso, os compañeiros de partido deberan reprendela. Os congresos non se convocan para aldraxar, pero no canto diso, apláudenlle. Cómplices uns, e cómplices outros. Será que neste país castigamos as críticas educadas e premiamos os insultos?