Vencer a autoinmunidade

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

La médica Pilar Arévalo atiende a una paciente de lupus
La médica Pilar Arévalo atiende a una paciente de lupus CESAR QUIAN

14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso sistema inmunitario serve para protexernos da enfermidade, pero ás veces algunhas células dese sistema estráganse e producen anticorpos que atacan os tecidos do noso propio corpo. Entre as máis de oitenta enfermidades autoinmunes que padecemos os humanos hai algunhas que nos soan moito: diabete tipo 1, artrite reumatoide, escleroses...

A esperanza é que a ciencia da inmunidade humana está a avanzar moito nos últimos anos. Unha das áreas máis prometedoras neste momento é a das terapias CAR-T, nas que se extraen do doente unhas células do seu sistema inmune (linfocitos T), que son programadas artificialmente no laboratorio para atacar un problema específico, e reintrodúcense no seu corpo. É unha liña de investigación que está a dar bos resultados contra o cancro (e mesmo podería valer para as autoinmunes). Inspirados por ela, os científicos buscan desenvolver a mesma estratexia con outros axentes do sistema inmune: os chamados asasinos naturais. Contra o cancro, de momento, non lles funciona (posiblemente porque teñen unha vida máis curta que as células CAR-T), pero dous equipos de reumatólogos acaban de anunciar resultados prometedores contra dúas enfermidades autoinmunes: o lupus e a esclerose sistémica. Ademais, é moito máis fácil (e barato) modificar estes asasinos naturais que os linfocitos T. Podería ocorrer que eses asasinos naturais poidan ser reprogramados para identificar e destruír as células que se desboquen do noso sistema inmune? De ser así, estariamos ás portas dun xiro cualitativo no tratamento desas doenzas.