
Enquisas e investigacións do British Standards Institution (BSI), da rede privada Virtual Private Network (VPN) ou da empresa tecnolóxica Smart Products Connection (SPC), por exemplo, constatan que os nativos dixitais por excelencia, os que non coñeceron un mundo sen internet nin redes sociais, a chamada Xeración Z, están a recuar no uso das tecnoloxías. Case a metade afirman que lles gustaría vivir nun mundo no que non exista internet e sobre un 70 % séntese canso despois de estar conectado e considera que o tempo que se pasa na rede vai en detrimento do seu equilibrio emocional. Abandonan ou reducen de maneira drástica as redes sociais, a pesar de que os usuarios destas están a medrar e buscan novas plataformas que se acheguen moito máis á realidade e que protexan a súa privacidade e benestar emocional.
Algo está a mudar nos mozos nados entre séculos, o que pode ser xermolo dun cambio na utilización dos dispositivos dixitais. Estes son imprescindibles hoxe, pero unha alta porcentaxe da xuventude está a utilizalos de maneira excesiva e compulsiva, o que trae como consecuencia graves problemas de descontrol do tempo, de ansiedade e de saúde mental. Os rapaces están absortos no móbil, desinteresados polas actividades cotiás e illados do contorno no que se desenvolven. A familia estase a converter, como dixo Riesman, nunha multitude solitaria. Cada un dos seus membros está abstraído nun aparello, preocupado do que ocorre no mundo virtual, pero afastado de calquera comunicación persoal.
A solución pasa por controlar o uso dos dispositivos, apagalos a certas horas do día e impedir que afecten ao descanso; potenciar as relacións persoais e actividades sociais, o contacto coa natureza e a práctica de exercicio físico, cada vez máis relegada; e aprender a seleccionar páxinas que proporcionen información rigorosa e non manipulada e afastada da realidade. Estas medidas deben fomentalas as Administracións públicas, en especial a educativa, pero a quen lle corresponde a principal e indelegable responsabilidade é á familia, desde o momento en que nacen os fillos. A citada Xeración Z atópase en idade de ter descendencia e como está a tomar conciencia dos erros cometidos no uso das tecnoloxías, ten nas mans corrixilos na educación dos fillos.