
Unha vez máis, o Goberno da Xunta repite a estratexia dos bonos que, ao meu ver, na meirande parte das iniciativas ten máis de propaganda ca de xustiza. Se ti queres mudar as fiestras da casa, se queres mercar libros, discos ou ir ao cine, se te matriculas na universidade, se che dá por gastar os cartos en roupa... que saibas que o Goberno sempre che botará unha man e poderá pagarche unha parte ou todo. Iso si, para acceder a estas axudas tanto ten que gañes 5.000 euros ao mes coma que non traballes ou cobres unha pensión non contributiva. A universalidade é o que ten. Todos igual.
Agora tocoulle ao peixe e no mar xa andan a facer as contas para o sector con este incentivo que xorde dunha idea tan fantástica coma a de promover hábitos de consumo saudables entre a poboación. Alguén poderá preguntarse que ten de malo isto, porque as axudas están dispoñibles para todo o mundo. Xa. Pero tamén nos deberiamos facer a pregunta de que quen máis as precisa adoita formar parte de colectivos vulnerables, sen conexión a internet, analfabetos dixitalmente ou que non saben nin sequera da existencia deste tipo de axudas. Non hai quen me tire da cabeza que esta é unha discriminación ben clara, de certo elitismo, no concepto e na resolución, porque quen as apaña sempre son as capas da sociedade máis espelidas e menos necesitadas. As desigualdades reais medran aínda máis con este tipo de medidas populares que agachan unha inxustiza social en toda regra porque non se aplican os principios de progresividade como si se fai no sistema de fondo de libros, onde si se ten en conta, por exemplo, a renda. En fin, o titular e a propaganda xa tiveron o seu efecto publicitario. Mais a xustiza, coma sempre, non está no reparto senón na redistribución.