Feijoo e a moderación

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sociólogos e politólogos poden profundar durante horas sobre a indefinición do «centro político», pero os lectores de La Voz entendemos moi ben a Mariano Rajoy e a Alfonso Rueda cando antes do congreso do PP declararon a este xornal que o seu partido ten que estar no centro e na moderación. Da posible vitoria electoral do PP, Rajoy dixo: «La moderación es la vía para la victoria de Feijoo», e Alfonso Rueda engadiu: «En el PP debemos estar en la moderación y en el centro, no podemos renunciar a ello». Eran mensaxes clarísimas para todos, agás para Alberto Núñez Feijoo, que segue empeñado en procurar argumentos dialécticos nas cloacas máis noxentas da política.

Certo que Feijoo tomou o relevo de Pablo Casado cheo de boas intencións e disposto a calmar o debate parlamentario: «No vengo a insultar a Pedro Sánchez. Vengo a ganar a Pedro Sánchez», dixera en marzo de 2022. Certo que desde aquel día e ata hoxe foi descualificado polo PSOE por saír nunha foto co narco Marcial Dorado, daquela prestixioso empresario relacionado con la crème de la crème da sociedade galega. Certo que Pedro Sánchez o menospreza e trata con fachenda e chulería exasperantes e que a Feijoo non lle faltan razóns para aborrecelo e odialo, pero nada diso, nin todo xunto, xustifica a baixeza moral e a torpeza de atacar o presidente facéndoo cómplice e beneficiario dun hipotético negocio de prostitución do sogro. Falo de «baixeza moral» porque a acusación apareceu nun artigo de Abc no 2021, a partir dun informe do comisario Villarejo que falaba de saunas sexuais para gais e heteros, pero a Audiencia Nacional, en autos de maio e xuño do 2024, resolveu que eran «actividades profesionales o comerciales lícitas» e deplorou a utilización partidista da información. E se non o fosen, acusar o presidente de lucrarse dos negocios do sogro, como fixo Feijoo, é a mesma ruindade que sería acusalo a el de cómplice de Marcial Dorado. E falo de torpeza porque se Feijoo vivise máis preto dos seus paisanos de Os Peares sabería que «en longa xeración hai conde e hai ladrón» e que «quen sementa ventos recolle tempestades». Ás poucas horas de largar esa aldraxe, o xornalista Antonio Maestre contou en El Diario que o avó falanxista da muller de Feijoo quedou coa farmacia dun boticario republicano asasinado en Pontedeume. A Eduardo Inda, propietario e director de OkDiario, faltoulle tempo para desmentir a noticia, pero a historia déraa a coñecer Xavier Alcalá na excelente novela Nas catacumbas, premio da Crítica no 2006, con nomes supostos da vila e dos protagonistas.

E agora, que? Poden aínda os nosos políticos caer máis baixo? Onde está o límite da súa desvergoña? Eu non o sei e non quero imaxinalo.