
No paquete de Procedementos de Infracción do mes de xullo, a Comisión Europea incluíu para España un dictame motivado no que insta ao noso país a respectar as normas da Unión Europea en materia de contratación pública e, concretamente, no que atinxe á ampliación dos períodos de concesión das autoestradas AP-9 e AP-66.
Trátase dun feito grave, pois é a terceira vez que a Comisión se dirixe a España por este asunto, elevando en cada ocasión o nivel de esixencia. Primeiro enviou dúas cartas de emprazamento ao Ministerio de Transportes e agora, ante a falta de resposta por parte do Goberno, emitiu un ditame motivado, paso previo á denuncia diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea se España non responde adecuadamente no prazo de dous meses.
Para que non haxa dúbidas: a Comisión Europea considera ilegal a prórroga por 25 anos da concesión da AP-9. Na carta de emprazamento do 24 de abril de 2024, a Comisión di textualmente: «Al modificar y prolongar durante 25 años la concesión de la autopista AP 9, el Reino de España infringió los principios generales de imparcialidad de trato y de transparencia».
Esta mesma afirmación aparece recollida no ditame motivado coñecido o 17 de xullo, no que se engade que: «España amplió la duración de las concesiones de las autopistas AP-9 y AP-66 a veinticinco y veintinueve años, respectivamente, y más adelante vendió las dos empresas sin iniciar procedimientos de licitación previos».
En termos máis claros: o Goberno de José María Aznar outorgou unha prórroga ilegal de 25 anos á AP-9 e despois privatizouna favorecendo a unha empresa multinacional. A propia Comisión Europea sinala na súa carta de emprazamento: «El verdadero objetivo de la prórroga de la AP-9 por veinticinco años era aumentar sustancialmente su valor para conseguir una venta futura más rentable».
Pasaron xa 25 anos, e aínda que esta actuación poida estar prescrita, o expresidente Aznar debería ser investigado por presunta corrupción, ou polo menos ofrecer explicacións, especialmente nestes días nos que está en primeiro plano o gravísimo caso de corrupción que implica ao seu exministro de Facenda, Cristóbal Montoro.
Mais alén das responsabilidades pasadas, cómpre mirar ao futuro. O ditame motivado da Comisión Europea é a oportunidade que levabamos tempo agardando para adoptar a verdadeira solución fronte a unha estafa que se estende durante décadas: recuperar para o público a Autoestrada do Atlántico.
É necesario facelo porque a xustiza europea obrigará a España a iniciar un novo procedemento de licitación pública, o que suporía prorrogar a explotación privada da AP-9 durante máis décadas, salvo que o Estado rescate agora a concesión.
Esta é a proposta que Sumar defende desde hai anos, e agora é o momento de levala a cabo. Declarar ilegal a prórroga da concesión abre a porta xurídica ao seu rescate. Un rescate xusto, porque a partir do ano que vén, a AP-9 será a única autoestrada de máis de 200 quilómetros en todo o Estado que continúa en mans privadas e con peaxes, unha discriminación intolerable contra Galicia.
Posible, porque o custo estimado do rescate está por baixo dos 1.000 millóns de euros a prezos de mercado, cifra que podería ser incluso inferior, tendo en conta a ilegalidade da prórroga.
Rentable, porque o Estado ten comprometidos máis de 3.400 millóns de euros en subvencións ao grupo multinacional propietario da AP-9, destinadas a bonificar os peaxes ata o ano 2048.
Fagamos as contas: a empresa prevé ingresar 10.000 millóns de euros en peaxes ata 2048, dos cales 3.400 millóns procederán de diñeiro público e os 6.600 millóns restantes sairán dos petos da cidadanía.
Non sería máis intelixente investir agora 1.000 millóns e aforrar os 10.000 millóns que pagaremos durante os próximos 23 anos?
Esta foi precisamente a proposta que o grupo parlamentar plurinacional de Sumar trasladou ao ministro Óscar Puente nun debate no pleno do Congreso dos Deputados celebrado o 16 de outubro do 2024. O ministro pediu tempo, asegurando que había que agardar ás decisións da Comisión Europea.
Ese tempo xa pasou. Xa hai unha nova advertencia formal da Comisión. Agora o Goberno debe actuar.