Un tahúr do Misisipi

Francisco Castro
francisco castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

21 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, o xornalista Jesús Ceberio lembraba nunha conferencia que, durante a primeira moción de censura, a que Felipe González lle plantea a Adolfo Suárez, aló nos inicios da nosa democracia, o único insulto que se escoitou no Parlamento foi o que proferiu Alfonso Guerra ao lle chamar ao presidente do Goberno, «Tahúr del Misisipi». Diante de tal «insulto» montouse un lío descomunal, a presidencia do Congreso pediu que se retirase a expresión do diario de sesións, e a prensa censurou o exceso verbal do deputado socialista.

Hoxe, aparte de que a meirande parte dos deputados non entenderían que significa o que dixo Guerra, a noticia sería que nunha sesión do Parlamento non houbese insultos, berros, interrupcións ou patalexas.

O exabrupto é sempre unha agresión. E no contexto político, é a patentización de que, como non teño argumentos, ataco á persoa. Este xeito de operar (deputados que berran mentres alguén fala, políticos que insultan gravemente a outro mentres está en uso da palabra, acenos como peinetas ou cortes de manga) protagonizados polos que en teoría están aí para confrontar ideoloxicamente maneiras distintas de ver o mundo, o que fan é axudar a destruír a sociedade que creamos no XVIII, a Ilustración, para optar por unha idea do mundo onde o de menos son os argumentos. A partir de aí, o protagonismo pode ser para, por exemplo, os bulos e, a partir de aí, a violencia verbal.

Neste contexto, pasa a ser «normal» que medren os votantes ultras, é dicir, os desa xente que ouvea feliz cada vez que un político da súa corda humilla, abafa ou fai sangue ao seu inimigo político. Ou, peor, pasa a ser «normal» que comecen haber actos reais de violencia física. Os ataques ás sedes dalgúns partidos políticos, así o anuncian.

«Palabra» en grego dise logos. Que significa tamén «razón». O insulto, relixión na que militan os responsables dos argumentarios diarios dos grandes partidos, implica, pois, a renuncia á razón en favor do músculo, a aposta polo fusil en troques do dicionario.

A deriva que leva a política mundial é claramente antidemocrática aínda que se exprese nos parlamentos. Unha curva de inflexión que nos vai conducir ao desastre. Podo entender que os partidos, todos os días en campaña electoral, aposten por esta praxe. En votos pode irlles ben. Pero a longo prazo é un exercicio irresponsable que nos vai destruír. Boto en falla aos tahúres do Misisipi. Cando menos tiñan algo de elegancia. Porque, en realidade, tiñan algo de cultura.