As malas herbas

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa familiar non é só unha vivenda, inclúe a contorna. Estar na casa, logo, é máis ca pisar ese solo, consiste en ver o ceo, con ou sen nubes, abrir as fiestras e deixar entrar o aire, escoitar o río, os paxaros... o reloxo marcando o tempo. Nós tiñamos unha zona para xardín. Hoxe observei nela herbas altas, rexas e fortes, que ocultan as roseiras. Decidín arrincar esas herbas malas, as malas herbas. Así sobrevivirán as flores, cos seus pétalos tersos e olorosos.

Niso consiste coidar a casa, e así deberiamos facer coa que é de todos. Sermos partícipes dunha sociedade ten responsabilidades. Oxalá dedicármonos máis a erradicar as malas herbas (e a mala uva) e menos a sementar crispación, odio e polarización. É máis custoso investir esforzos en deseñar un discurso cargado de xenreira que deixar correr o aire. Ás veces calmar os ánimos só implica iso, deixar pasar. Os silencios tamén falan. Pero, máis ca nada, deberiamos eliminar as malas herbas, eses discursos de odio tan perigosos, que se dispersan coma estrugas invasoras que proen e inflaman a quen tocan.

Que os políticos son corruptos? Increpámolos na rúa en lugar de castigalos nas urnas. Ou o que é peor, insultamos ao de enfronte para cubrir as nosas faltas. Que lle dan unha malleira a un veciño?, acusamos a quen cremos culpable e aproveitamos para chamar á veciñanza a cargar contra os migrantes. Ou os homosexuais. Ou a calquera que non comulgue con nós. Ai! Ollo ás malas herbas que, unha vez que enraízan, ínzannos por dentro.