A Biblia telemática

Xavier Alcalá
xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Din os xenetistas que ter fe (crer no que non vimos) depende da xenética: hai quen nace predisposto a ser crente e quen non o pode ser. Para os crentes de formación xudeu-cristiá a Biblia é un libro indispensable, traducido ao longo da historia aos diferentes idiomas da cristiandade. Non había Biblia en galego e a editorial Sept teimou en que Deus se expresase no idioma deostado. Hoxe exprésase nun idioma límpido, libremente ofrecido nun servidor da web. ¡Parabéns!

 Ora, esa oferta só é de texto cando o audiolibro medra sen parar polo mundo, con robots de lectura a imitaren agradablemente as prosodias. Para acadar o obxectivo de Sept cómpre telo en conta, mais Galicia carece de voces robóticas maduras. Esa carencia tamén afecta a todo o sistema literario, especialmente á literatura infantil. Producir audiolibros con locutores é custosísimo e lento (e non esquezamos a falsidade do «galego neutro» que se impuxo ante os micrófonos). Para seguirmos adiante coa normalización lingüística é imprescindible educar robots e crear interfaces que permitan escoitalos nos dispositivos móbiles (os auriculares mandan). Galicia conta cun desenvolvemento telemático de alto nivel, cun centro de supercomputación potente e miles de voces humanas compiladas. ¿Que é logo o que falta para estarmos ao día?