Ei, Galicia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada madrugada pasa, diante da casa, un autobús con grandes letras pintadas: Hey, Madrid. En ocasións sinto que Madrid me dá as boas noites. No autobús van as miñas ensoñacións, que sempre dependen do libro que lea nese momento. Outras, a miña propensión ao onírico lévame a un bus límpido, precioso, mesmo radiante. No autobús podo ler «Ei, Galicia!». E emociónome. Porque este país emociona. Ten esa virtude singular. A verdade é que un tamén se pode emocionar noutros lugares. Como non admirar Florencia? Porén, Galicia é diferente. Non se trata dun espazo reducido. Nin sequera dun espazo. Son outros elementos, mesmo invisibles, os que pululan entre as raíces para conformarnos. Para edificar o feitizo da terra de Nós. Tivemos anos malos, e neste día lembramos: cruzando unha curva que doerá mentres dure o mar. Pero tamén tivemos momentos venturosos. Como aquel que interpretou o 25 de xullo de 1948 Castelao. Era un discurso. Chamouse Alba de Gloria. Foi no Teatro Arxentino, poñendo punto ás xornadas que organizara o Centro Galego de Bos Aires. O discurso entusiasmou a todos os que o escoitaron. Segue facéndoo. Como este país sen límite, abrigado entre os fíos indelebles da beleza. «Se no abrente deste día puidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direccións...», dicía o mestre. Se puidésemos mirar Galicia dende arriba, veríamos non só xeografías, ríos, chairas e fragas. Veríamos ese misterio citado: a beleza. Somos o país dos mil ríos. E tamén o das mil esperanzas. Cando chega o noso día, o de Santiago Apóstolo, é preciso recordar. Recordar é regresar ao corazón. Como un bus na madrugada. Rotulado con maiúsculas. E ler: «Ei, Galicia». Viva!