Ser galego entre tradición e globalización

MANUEL FERNÁNDEZ BLANCO PSICOANALISTA E PSICÓLOGO CLÍNICO

OPINIÓN

MABEL R. G.

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fraga, sen ser candidato, fíxose presente na campaña coa que AP gañou inesperadamente, no 1981, as primeiras eleccións autonómicas en Galicia. A imaxe de Fraga ía acompañada do eslogan «Galego coma ti». O autor do probablemente máis rememorado eslogan electoral das nosas eleccións autonómicas é Xosé Luís Barreiro Rivas. Barreiro apuntaba en La Voz de Galicia, o 11 de setembro do 2016, que aquela campaña trataba de «conquistar a condición de galegos que se nos negaba, sen teorizar sobre a galeguidade, sen explicacións: galegos coma ti, nin máis nin menos». É dicir, o significante galego, capitalizado pola imaxe de Fraga, empregábase de modo ateórico, baleirado de significado, como un elemento de identificación colectiva. A mesma asociación que levaba a moitos a diciren: «Nós somos de Fraga».

Desde os paneis publicitarios, Fraga atuábanos —tratábanos de ti—, cousa que, até onde eu puiden saber, non facía nin cos seus máis estreitos colaboradores. Agora ben, todo discurso político que apela ao ti é unha incitación a unha identificación camuflada con quen afirma ser coma ti. Ese ti non é o da reciprocidade; a súa operatividade reside en que provén de alguén que se postula como excepción, como ídolo humano.

Case 44 anos despois, que imaxes terían que acompañar o eslogan «Galego coma ti»? Probablemente, non se trataría de apelar á función totémica dun líder e, para respondermos esta pregunta, podería resultar de interese viaxar por Galicia nun autobús interurbano, ou visitar os barrios ou concellos de maior concentración de poboación inmigrante.

É complicado responder por aquilo que lle dá un sentido de pertenza a un pobo aludindo ao seu carácter diferencial. Por iso, diante da pregunta «como somos os galegos?», as respostas ás que estamos afeitos adoitan reproducir estereotipos consensuais —culturais, identitarios e, con frecuencia, cun marcado compoñente folclórico— a miúdo transversais ás diferentes ideoloxías políticas. Os significantes da tradición e da cultura identitaria, cuxo exemplo mais destacable é a situación da lingua, perden valor, o que volve máis difícil sustentar unha identidade colectiva. A tradición rende as súas armas ante o útil. No momento actual da civilización, para que algo permaneza, debe ser útil, debe servir para algo (ao cabo, Jeremy Bentham triunfou).

Así, os galegos, cada vez máis avellentados (prevese que no ano 2039 as persoas maiores de 65 anos serán o 30,1 % da poboación), corremos o perigo de que o noso principal trazo diferencial acabe sendo aquel que supostamente nos distingue dentro da catástrofe global. A Xunta de Galicia presentou o pasado xaneiro, en Fitur, a nova marca de promoción turística: Galicia Refuxio Climático. Alén do seu ton cínico e irreal, este eslogan parece suxerir que sempre nos quedará a opción de facer negocio coa catástrofe para que Galicia siga sendo «sitio distinto».