Contradición

OPINIÓN

Gente por la calle en Pontevedra
Gente por la calle en Pontevedra CAPOTILLO

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía o outro día unha nova neste xornal que dicía que «oito de cada dez residentes en Galicia naceron na comunidade, máis da metade nin cambiaron de concello», que o 84 % da poboación galega é autóctona. Unha idea que me levou a matinar sobre aqueloutro estudio xenético creado en colaboración entre científicos das universidades de Oxford e Santiago, e publicado en Nature Communications. Unha investigación na que quedaba clara a «subestrutura xenética» da comunidade, é dicir, citando a R. Romar, que foi o que «traduciu» a nova para este xornal no 2019, «na comunidade existiu unha especie de endogamia secular perpetuada no tempo». Un dos investigadores dese estudio, o grande Ángel Carracedo, dicía no seu día que, a diferenza dos seus colegas británicos, el non estaba sorprendido por eses resultados. E eu, desde que saíu aquel estudio, quedei fascinada por esa endogamia particular que, dalgún xeito, nos define.

Por iso, cando saía esa outra nova sobre o apego á hora de escoller un lugar para vivir, pensaba nese pulo constante que describía Castelao no seu Sempre en Galiza cando falaba da emigración: «Hai unha forza que nos empurra cara o mundo e outra que nos xungue á terra nativa». Ese pulo ao que me levo agarrando desde que, hai vinte e dous anos, fixei a miña residencia moral entremedias, entre Ourense e Nova York. E desde esa perspectiva, a da persoa que ten dúas vidas que sabe que nunca poderá conciliar, miro cara esta nova cunha especie de melancolía, pero tamén cunha vontade de entender a complexa relación entre o que somos e o que dicimos que somos. Pois como filla dunha xeración de emigrantes, non deixamos de ser unha peculiar contradición...