
Estamos en agosto e collo vacacións: nin unha palabra de política nin de políticos. A actualidade ten temas abondo sobre os que reflexionar e opinar, como a estraña rebelión das monxas clarisas de Belorado, en Burgos, que abandonaron a clausura e a Igrexa católica. E como o fixeron! Se san Paulo erguese a cabeza e as oíse…! El, autoritario e despótico, prohibira ás mulleres falar no templo: «Calen as mulleres nas congregacións porque non lles é permitido falar». «E se queren aprender algo, pregunten na casa aos seus homes, porque é indecoroso que una muller fale na congregación». Pois tiña que oír a estas chamándolle covarde ao bispo e negándolle a condición de católico.
Poderiase pensar que estamos ante unha rebelión feminista contra a Igrexa que historicamente non as valorou e tratounas como serventas con touca. Ou peor aínda. Desde 1995 e ata a súa morte no 2015, a relixiosa irlandesa Maura O´Donohue, médica e misioneira en oitenta e tres países, denunciou que centenares de monxas, as máis delas en África, sofren abusos sexuais de curas e misioneiros; e o papa Francisco admitiu en 2019 esa realidade e recordou que Benedicto XVI se vira na obriga de pechar unha congregación de monxas agredidas por cregos. Con razón Mercedes Navarro Puerto, doutora en Psicoloxía e Teoloxía, e docente na Universidade Pontificia de Salamanca, interroga á xerarquía católica: ¿Por qué preguntan qué les pasa a las mujeres que tienen tantos conflictos con su religión, en vez de preguntar qué les pasa a las religiones que sus mujeres se sienten tan incómodas en ellas y muchas se van marchando continua y lentamente?
Pero non. A causa da rebelión das clarisas de Belorado é económica. Elas queren vender un convento da súa propiedade en Derio, Bizkaia, baleiro, ruinoso e okupado por una lexión de demos tocatoucas, o Vaticano non lles deixa e o bispo excomungounas. Elas saíron pola brava e pasaron á Pia Unio Sancti Pauli Apostoli, fundada en 2005 por un pícaro chamado don Pablo de Rojas Sánchez-Franco, que ademáis de bispo dise «duque imperial», «príncipe elector del Sacro Imperio Romano Germánico», «cinco veces grande de España» e que acusa de herexes a todos os papas a partir de Pío XII. Desde Clemente, o papa de El Palmar de Troya, a Igrexa española non producira un exemplar así. Naturalmente, foi excomungado en 2019.
Esta semana empezou o xuízo contra as monxas para que deixen o fermoso convento de Belorado, do século XIV, e véndoas tan ledas pensei en Buñuel e en canto o divertiría esta situación. Ata podería vestir o hábito e as toucas e mesturarse con elas, que nada o divertía tanto como disfrazarse de monxa e refregarse, provocativo, cos homes no metro. As monxas de Belorado andan a voltas cun proxecto de hostalaría no País Vasco. En canto o monten, fórranse. A publicidade e o papanatismo son a garantía.