
Como concelleiro da primeira Corporación democrática, cheguei a escoitar no templo xacobeo proclamas golpistas dun capitán xeral. Como alcalde e oferente, invoquei o Apóstolo con palabras para o porvir e recibín algunha contestación fóra de lugar desde a tribuna eclesiástica.
Este ano, o presidente da Xunta de Galicia, na súa intervención institucional, remarcou a integridade e o respecto á lei como patróns de conduta fronte á extrema polarización. Pola súa parte, o arcebispo denunciou con firmeza as dolorosas realidades da guerra, a exclusión, o desarraigamento e a soidade, impetrando a paz, o dereito e a dignidade. Eu digo que o Boanerges, como xudeu, deploraría a barbarie a que está sometida a poboación palestina, coas armas, coa invasión e coa fame deliberadamente provocada.
Teño escrito e escoitado que é necesario poñer ao día a cerimonia. A Ofrenda do Reino de España a Santiago, o 25 de xullo, pode considerarse como unha conversa na que os estamentos civil e eclesiástico comparten problemas e obxectivos.
As posicións para este diálogo fortalecéronse no ano 1991. Coa fundación do Real Patronato de Santiago estableceuse un ámbito de encontro no que se dá o visto e prace aos programas de investimentos e acción cultural para a cidade, encomendándolle ao Consorcio a súa realización. É un organismo que, baixo a presidencia de honor do rei e a presidencia executiva do presidente do Goberno, reúne a Administración do Estado, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Igrexa e a Universidade. Politicamente é así e non ten volta atrás, porque foi e é esencial para a conservación e a transformación de Compostela.
Actualizar a Ofrenda non pode ser un problema de relación coas institucións do Estado, que tanto favoreceron a cidade; nin unha cuestión de laicidade, porque ninguén falta á misa de Rosalía en Bonaval. Moito menos co significado de Santiago, que nos incorporou a Europa e América coa súa advocación, hoxe aínda máis ecuménica; sen el, Compostela sería unha cidade coma calquera outra.
O 25 de xullo, Día de Galicia, é a festa de todos, e por iso se celebra nas prazas. Na miña opinión, na noite do 24, o Obradoiro é o grande escenario do encontro das autoridades cos composteláns que se achegan ao centro desde barrios e parroquias, cos galegos que participan nos actos da xornada, cos peregrinos e visitantes de todo o mundo, compartindo sen reservas e con xenerosidade as identidades respectivas. Sempre preservando a seguridade das persoas e o coidado do patrimonio.