Os barcos insomerxibles

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Fotograma de la película «Titanic» en su versión 3D
Fotograma de la película «Titanic» en su versión 3D

05 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días partiu do porto de Alacante un barco enorme, unha especie de cidade flotante que conta cos máis modernos e seguros elementos de seguridade: a potencia dos seus motores, as numerosas capas protectoras de que consta o seu casco, a velocidade a que pode moverse, a preparación da súa tripulación... En fin, que de novo nos atopamos cun barco que non pode afundir. Isto comentábanolo unha persoa ao parecer moi coñecedora do asunto, polos datos técnicos que achegaba, e que se molestou cando eu dixen: "Igual có Titanic". Inmediatamente me replicou explicando con todo luxo de detalles os fallos da construción do Titanic e as causas —fallos humanos incluídos— que contribuíron ao seu afundimento.

Eu non pretendía amolarlle a charla, só destacar o feito de que cando o Titanic afundiu o 14 de abril de 1912, provocando a morte de 1.500 persoas, o barco se consideraba insomerxible, e, de feito, esta crenza aumentou o número de vítimas, xa que moitas persoas se negaron a subir aos botes de salvamento porque se sentían máis seguras no barco.

En honra á verdade debo dicir que o comentarista non dixo en ningún momento que o impoñente barco que partiu do porto de Alacante sexa insomerxible, como tampouco o dixeron os que viron partir ao Titanic, pero os encomios a un e outro barco facíano crer a quen os escoitase.

Os galegos sempre lle tivemos un respecto ao mar. Deséxolle a esta cidade flotante unha feliz travesía. E que dentro de dez anos vostedes non teñan que ler que ese barco afundiu, pero que unha nova e insomerxible marabilla partiu do porto de Alacante.