 
	
											Participei en varios procesos administrativos. Neles, tiven que achegar documentación diversa, entre a que estaba o DNI, declaración de non ter antecedentes de delitos sexuais, título universitario, declaración de estar ao corrente das miñas obrigas tributarias...
Antes de rematar o proceso aparecía un recadriño no que debías premer. Nel autorizabas a consulta e verificación de todos os datos achegados. Eu sempre aceptei, polo que non sei que pasaría se o rexeitase, pero seguramente non puideses continuar no proceso ou, en todo caso, entendo que saltarían as alarmas e a documentación presentada debería ser testada doutro xeito.
O caso é que a dixitalización está para isto, para que os procesos se axilicen e as comprobacións poidan realizarse con eficacia.
Tamén teño que dicir que algúns destes procesos son algo inxustos. Nun ao que concorrín, valorábanse os mestrados cursados. Eu tiña varios, pero ningún deles foi considerado válido por non cumprir os requirimentos dispostos, por moito que estivesen expedidos por universidades públicas ou colexios profesionais. Xusto por iso perdín un posto de traballo. Mais non houbo nada que facer. Comprobaron toda a documentación e non a consideraron válida.
Por todo isto sorpréndeme que agora se estean a dar casos de falsificacións de títulos universitarios por parte de traballadores do público, co sinxelo que é comprobar a súa veracidade. De feito, faise case de xeito automático. Non me digan que estas leis só están para algúns.
