
No verán acompáñannos os incendios, pero tamén lumes lentos (e cruentos) que somos incapaces de ver. Son lapas que non estalan, que non se espallan polas abas do monte..., pero queiman tamén implacables, instalándose nos días, nos corpos, nas rúas. Xa non é só unha calor estival, senón sistémica. Cada grao que escala no termómetro é un latexo máis dun planeta agónico. Morremos de calor. É unha frase feita que tamén ten sentido literal. Nos últimos dous meses producíronse en España máis de mil mortes atribuídas ás elevadas temperaturas. Un número moito maior ca en anos anteriores. Cantidades xélidas que escorregan polos telexornais e prensa, atesourando unha vida detida detrás de cada nova cifra.
O cambio climático non é un problema do porvir. Está aquí, nas noites que non refrescan, nos corpos que non resisten, na terra que se fende e nos océanos que ferven. É fillo da contaminación que fomos sementando, da cobiza envolta en fume industrial, da cegueira programada dun progreso sen conciencia. Respiramos un aire doente. Mentres buscamos alivio nos ventiladores, nos refrixeradores, nos aparellos que botan aire acondicionado, non podemos perder de vista que non existe máquina ningunha que substitúa un planeta habitable.
O mundo arde en silencio, pero clama continuamente. Hai sinais por cada recanto, cada recuncho... porque estamos morrendo de calor, non o esquezamos. O que está en xogo non é só o clima: é a vida mesma, que se esvaece a cada paso, baixo un sol implacable sen barreiras verdes.