«Bar, bar, bar» é a onomatopea que usaban os gregos. Un «bla, bla, bla» do que vén a palabra bárbaro, sinónimo de estranxeiro, que, ao incorporarse ao latín, engádelle un significado despectivo: os bárbaros non participan da civilización romana. Hoxe, os lingüistas falan de barbarismo cando unha palabra doutra fala se incorpora á nosa, primeiro como un elemento estraño, ou estranxeirismo, logo como termo propio aínda que de raizames foráneas e que enriquece o vocabulario. Barbarismo foi a palabra arancel, de orixe árabe, que designaba a cantidade que se pagaba para liberarse da obriga de acoller na propia casa os soldados que andaban de campaña. Tamén é de orixe árabe a palabra tarifa, coa que os turcos denominaban a lista ou censo coa relación de tributos a pagar. Hoxe, arancel, en galego e en castelán, e tarifa (tariff en inglés) significan o mesmo: o tributo que pagan os importadores ao introducir un ben ou servizo no mercado interior do país que o establece.
O outro día a Trump levantóuselle o seu laranxa floco e, moi ledo, proclamou: «É medianoite! Miles de millóns de dólares en aranceis (tariffs) flúen agora cara aos Estados Unidos!». Utilizou un vello barbarismo, aínda que, de saber a súa orixe etimolóxica, xa o tería alcumado doutro xeito para dicir unha gran barbaridade. Os aranceis non os pagan os importadores, porque trasladan ese imposto aos prezos que pagan os consumidores. Os millóns non flúen cara aos Estados Unidos, sairán do peto dos consumidores norteamericanos. Os bárbaros posiblemente venderemos menos, pero o arancel pagarano os norteamericanos, directamente vía prezos máis altos, ou indirectamente consumindo bens de peor calidade, pero made in USA.
Outro estranxeirismo (incorporado ao Dicionario da RAE, mais aínda non ao da RAG), neste caso anglosaxón, é dumping. O seu significado orixinal, mergullar, foi adoptado pola ciencia económica para designar a práctica, contraria á libre competencia, de vender un ben ou servizo por baixo do custo de produción coa finalidade de afundir as empresas rivais e quedar con todo o mercado. Outro home con floco, neste caso negro e estático, utilizou o barbarismo para proclamar outra barbaridade: que Madrid fai dumping fiscal. Non o di só el, pero é significativo que o diga o presidente dunha Generalitat que quere liquidar un sistema de financiamento autonómico que fixa límites precisos para o exercicio da competencia fiscal, e que está a demandar a soberanía fiscal plena de Cataluña. Non é só que o sistema vixente garanta que son os cidadáns de Madrid os que máis contribúen á facenda estatal desde a que se reparten os recursos ás comunidades autónomas (é o que ten ter unha poboación con rendas por riba da media). É que, ademais, non é certo que as rebaixas fiscais autonómicas sexan pagadas polos restantes cidadáns de España: os recursos que cada comunidade recibe calcúlanse aplicando o principio de «recadación normativa», isto é, asumindo que o Estado xa lles transferiu ás comunidades autónomas os cartos que recadarían de aplicar nos tributos cedidos a mesma presión fiscal. Por tanto, as rebaixas autonómicas só benefician ou prexudican aos residentes nesas comunidades, e non ao resto. No sistema actual non hai nada de dumping e si moito de federalismo, este si, fiscal.
Como é verán, obviemos os barbarismos que empobrecen o debate público, e desfrute, quen poida, do cámping, chalé, bungalow ou do estupendo brunch que serven no buffet do resort hoteleiro. E, se non, dun gin-tonic na casa, que tampouco é tanta barbaridade.