
Foi xustamente nun día solleiro cando Trump decidiu colocar un andar máis no seu rañaceos persoal cara ao ceo do Nobel. Case toca o Sol.
Armenia e Acerbaixán levan décadas tirándose pedras reais e metafóricas, mais o arquitecto Trump conseguiu tender unha ponte (invisible) entre os pobos. Segundo asegura: «O mellor acordo de paz da historia».
O presidente non se presenta só como mediador, senón como director dunha película onde a cámara sempre o atopa no mellor ángulo deixando os demais como figurantes agradecidos e cunha banda sonora de aplausos programados.
No seu relato, detivo unha guerra e ergueu un «corredor para a paz» que, en lugar de formigón ou asfalto, está feito de titulares e soños en Oslo.
A ONU asente coa cabeza e Trump xa se ve na foto xunto a Malala e a Mandela, por que non? Acaso alguén máis idóneo? Imposible, pensando nas súas guerras comerciais e nos aranceis que fixeron ferver o planeta. Quizais sexa hora de explicarlle ao mundo que a paz tamén pode vestir traxe e garabata dourada.
Oxalá o acordo se manteña durante décadas, pero existen moitas posibilidades de que se esvaeza coma as letras dos anuncios que permanecen ao sol que Donald Trump acariña cos dedos. Mais todo iso non importa. Para Donald o importante tan só é que a súa historia avance, que se continúe a escribir o capítulo do que é protagonista, guionista e crítico. O capítulo que avanza cara ao premio Nobel. E, se ao final non chega, sempre queda a satisfacción de ter escrito unha paz á súa medida.