A vergoña

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DAWOUD ABU ALKAS | REUTERS

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Desafortunadamente, asistir a un xenocidio xa non lle estraña a ninguén. Xuraría que hai un intre en que moitas perdemos esa estrañeza: o día das imaxes dun partido xogado coa cabeza dun tutsi en lugar de balón. Como non atopo a referencia, comezo a dubidar de se, aos 14, xerei esa imaxe bárbara para non estrañarme das barbaridades do porvir.

Estrañeza refírese ao que nos é alleo. Para Aristóteles, o primeiro en falar da relación entre realidade e ficción, era complementaria da «identificación», a capacidade para a empatía. Se non nos estrañamos dunha cabeza en lugar dun balón, ou dos gazatís mortos de fame onde os escombros das bombas do Exército israelí, a empatía con eles non provocará a dor, e menos a pregunta acusadora: como é que o pobo que sufriu o Holocausto e demandou por iso a comprensión do mundo enteiro practica só unhas décadas despois a mesma receita cos inocentes acubillados na Franxa de Gaza? Estamos tan pouco estrañados que mesmo acadamos o silencio cómplice e perdemos a empatía que nos levaría a reaccionar, como outrora si reaccionou o mundo ao saber de Auschwitz.

Pero, diante deste xenocidio, que será o derradeiro dos xenocidios palestinos, debe resistir nalgures a vergoña, esa lapiña acesa cando se apagan a empatía e a estrañeza. A vergoña, ademais, acubilla a culpa, pero ten ida e volta, pois tamén avergoña os cómplices da barbarie xenocida. E cando logren que non quede un só palestino sobre a terra, a vergoña ficará, coma as outras pragas que asolan o pobo de Israel, xa para sempre.