
Sempre se asociou o verán con época de inactividade intelectual para os estudantes que obtiveron éxito académico ao final do curso. O estudo, na época estival, considérase un castigo por non se ter esforzado suficiente no tempo ordinario, deixando materias pendentes para setembro. Pero pasar un período tan longo sen traballo mental ten consecuencias negativas para o alumno, tanto a nivel formativo en xeral como para o seu progreso cómodo nos estudos. Igual que un deportista, o estudante precisa adestrar con constancia, pois en ámbolos casos, se non se fai así, é necesario despois un grande esforzo para recuperar o ritmo normal.
O mellor descanso non é a inacción, senón o cambio de actividade, e polo tanto non se trata de que no verán o rapaz estude e memorice como se estivese en pleno curso. Hai outras tarefas moi útiles para manter engraxada a maquinaria mental, que facilitan o inicio do ano académico, contribúen á boa formación persoal e incluso van ser decisivas á hora da inserción laboral: fomento do hábito lector, adestramento en lectura rápida, práctica de idiomas, técnicas de estudo, exercicios de redacción e ortografía, etcétera. Unha actividade moi importante, fonte esencial da bagaxe cultural da persoa, é elaborar fichas ou resumes das lecturas que se realizan ao longo da vida, para o que existe axuda de programas informáticos específicos. Se non se fai isto, co paso do tempo perderemos os conceptos máis importantes ou que máis nos chamaron a atención, das obras que temos lido, de calquera xénero literario.
No verán hai tempo para todo. Para troulear, xogar, practicar deporte, viaxar ou durmir. Dedicar só un 10 % do horario diario de vixilia, máis ou menos unha hora e media, a estas tarefas intelectivas vai supoñer unha grande vantaxe, non só á hora de iniciar o curso, senón tamén cando sexa necesario apertar o rendemento cerebral. Os pais aspiran a que os fillos cursen os mellores estudos posibles, para acadar unha boa profesión, na que se atopen satisfeitos. Pero moitas veces esquecen que este éxito nace dun esforzo constante ao longo de anos, no que é decisiva unha boa base formativa, que non se adquire cunha actividade mental irregular, insatisfactoria e só para saír do paso. Por iso é moi importante que na familia se fomente ese mínimo tempo dedicado nas vacacións a un traballo intelectual realizado de xeito agradable e non asociado a unha imposición paterna, pois entón resultaría prexudicial.