Un soño para Gaza

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día soñei que boa parte do mundo se botaba á rúa para meter presión e parar de vez a matanza de Gaza, ou o xenocidio, se prefiren, porque iso é ao meu ver e ao de moitísima xente o que está a acontecer dende hai tempo. No meu soño había unha onda pacífica que avergonzaba a meirande parte dos dirixentes responsables que non sabían onde se meter. Na cabeceira das manifestacións ían artistas e xente de moita influencia nos medios. As prazas de todo o mundo estaban ateigadas e apenas había silencios que se puidesen emparellar coa complicidade. Todo o mundo, e máis se era coñecido, quería participar nesta loita solidaria. Ninguén quería ficar fóra. Pero espertei co ruído da rúa e sen ver como remataba todo. E isto deixoume un baleiro un chisco angustioso. Despois almorcei e dispúxenme a ler a prensa e comprobei que todo seguía igual. Con todo, reparei en que a artista Rosalía se pronunciaba sobre Gaza, logo da presión das redes, e pensei que isto tamén podería estar relacionado co meu soño e prolongalo, porque o peso que a cantante ten nunha comunidade de millóns de seguidores é considerable, e as súas palabras, por moi banais que sexan, poden concienciar e mover moita xente para se botar ás rúas dese soño e ser parte activa da solución. O caso é que ela reclama a súa protección cando di que non debemos avergonzarnos os uns aos outros para loitarmos pola liberdade de Palestina. E aí é onde eu vexo o maior problema porque, aínda que é certo que non se pode obrigar a ningún artista a se pronunciar sobre o tema, nin estou a favor dunha sorte de caza de bruxas, a loita pola inxustiza precisa de todas as voces, e tamén das máis visibles para avergonzarmos ás persoas responsables da barbarie e poñerlle así o ramo ao meu soño.