O abandono do rural ourensá como combustible do lume forestal

Roberto García
Roberto Garcia SECRETARIO XERAL DE UNIÓNS AGRARIAS

OPINIÓN

ALEJANDRO CAMBA

14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En medio dunha das vagas de calor máis persistentes das últimas décadas, e con previsións de que se prolongue polo menos unha semana máis, a situación dos incendios sobre todo en Ourense é alarmante. As estimacións máis recentes sitúan a superficie queimada xa entre as 7.000 e as 8.000 hectáreas, e todo indica que, de continuar a previsión meteorolóxica sen tregua, poderían superarse amplamente nas dúas próximas semanas.

O primeiro é protexer vidas e garantir a seguridade de quen combate unhas lapas cada vez mais imparables. Evitar riscos innecesarios e acompañar ás persoas que ven como as chamas ameazan as súas aldeas, fogares e medios de vida. Tamén cómpre activar un protocolo de axudas similar ao dos anos 2006 e 2022 para os agricultores e gandeiros que perderon pastos, forraxes, valados, sistemas de rego ou instalacións esenciais. Do mesmo xeito a Xunta debe aplicar exencións por forza maior da PAC para que o lume non supoña, ademais, sancións e perdas económicas. Castigar dúas veces ás vítimas sería un abandono e unha inxustiza imperdoable.

Mentres atendemos o urxente, non podemos esquecer a raíz do problema que ceba a bomba incendiaria. Ourense leva décadas encabezando as peores estatísticas en España tanto en número de lumes como en superficie calcinada. É tamén a provincia con menos actividade agrogandeira, só o 1% das explotacións leiteiras de Galicia e menos do 8% das de carne. E, malia que o 80% do seu territorio é monte, achega unicamente un 5% da produción forestal galega. Con estes antecedentes so cabe esperar a que factores como o calor, a seca e en moitas ocasións a man dun pirómano para que se desate o inferno.

No territorio, o que non xestiona o ser humano, xestiónao o lume. Sen prados, pastos, cultivos, soutos produtivos, viñedos en activo, gando en extensivo e xestión forestal, estaremos sempre na casiña de saída. Nos veráns frescos e húmidos felicitámonos polas cifras, pero cando chega un episodio climático extremo quedamos indefensos: faltan cortalumes naturais, os camiños están pechados e os medios de extinción non chegan ou non poden traballar con seguridade. E cando hai decenas de lumes simultáneos, colapsan.

Ourense precisa xente no rural, proxectos viables e que a Administración non poña atrancos a quen queira emprender. Só a volta da actividade produtiva —que mantén limpo o monte, crea riqueza e fixa poboación— pode romper este ciclo. Non hai variñas máxicas, pero tampouco atallos. Mentres tanto, o lume seguirá agardando a súa oportunidade: eses 15 ou 20 días de condicións favorables para desatar a súa furia e golpear con forza un territorio cada vez máis despoboado. Canto antes emprendamos o longo, pero seguro, camiño do desenvolvemento rural, antes deixaremos de vivir coa certeza de que, en Ourense, o verán xogará sempre á ruleta rusa co rural e as súas xentes.