Arderá, arderá e arderá

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Santi M. Amil

19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lemos crónicas dun incendio anunciado, só muda a magnitude. O grave problema dos incendios non se resolve nun mandato electoral de catro anos (bipartito) no que se avanzou algo, nin en catorce (Fraga/Feijoo) no que a inercia perdurou. O medio rural —monte baixo, prados, viñas, arborados, casas— ardeu, arde e arderá porque parar os incendios require mudar a inercia forestal e iso esixe moito valor, notable decisión, estratexia política nova e fundamento baseado nun coñecemento complexo e científico que inclúa o local, os saberes de quen aínda vive e manexou a natureza no medio rural. Obriga a rachar inercias, asumir que a superficie forestal debe reducirse, que o espazo abandonado ten que manexarse. Na opinión pública urbana domina unha confusión entre Retiro madrileño, Alameda compostelá e paisaxe de xestas, fentos, toxos, carqueixas, uces e codesos, entre couto de caza ou reserva de osos e lobos e un monte con vacas, cabalos e cabras. Os historiadores do medio rural temos explicado a orixe da inercia forestal na política autárquica da ditadura. O Patrimonio Forestal do Estado (1941) expropiou os montes veciñais e plantou todo de piñeiros primeiro, eucaliptos despois, eliminando usos gandeiros e agrarios. O Icona (1971-1995) consolidou e estendeu o modelo cun toque ambientalista. O abandono foi forzado, non houbo evolución nun marco socioeconómico libre como en Francia ou Suecia. A repoboación dos montes —que continúa— rematou con mil anos de manexo labrego que incluía agricultura e moito gando —había máis ovellas ca vacas en Galicia—. Contra o que pensaban os enxeñeiros do PFE, había unha importante cultura forestal no uso do territorio, gravada na toponimia: carballeiras, soutos, freixeiros, xardóns, fragas, devesas... Piñeiro. Os vellos lembran aos vellos atendendo cada piñeiro nacido arrodeado de estrume cando o prezo da madeira encheu o país de serradoiros. Aquel pasado pasou e non volverá. As señardades do que foi só xeran a melancolía do recordo, como esa España baleirada que tanto éxito ten porque lembra a xuventude dos máis vellos e a infancia dos que imos cara á xubilación. Non se trata de volver atrás, trátase de afrontar o futuro coñecendo as lóxicas do pasado, a certeza do cambio climático e procurando unha solución estratéxica na que toda a sociedade, a política e o coñecemento científico e local deben implicarse. Trátase de algo máis difícil: rachar co pasado e as súas inercias. Volveremos escoitar que a solución é ordenar o monte, facelo máis produtivo, darlle interese comercial, incorporar técnica… outra celulosa que demande o que se produce. Alguén repetirá o mesmo no que levamos 80 anos. Arde e arderá.

Na mellora da loita contra o lume debe terse en conta o paradoxo da extinción: nas actuais condicións ambientais, canto máis e mellor se combaten os lumes, máis aumenta o risco de grandes incendios. Os da sexta xeración que fala Marc Catellnou. Francisco Moreira (Cibio-Universidade do Porto) é parte do equipo que indaga os incendios nas latitudes mediterráneas do mundo, e conclúe: a foresta arde polas condicións climáticas, as políticas de xestión de lumes son unha armadilha [trampa], urxe mudar as políticas.