
Hai columnas que son unha oración, simplemente. Polas lágrimas que quedan dentro, que tardarán en borrarse. Polas de fóra, que se limpan coa axuda e xenerosidade dos afectos. Polos que estaban e están fronte ao lume. Polas feridas, as vítimas, os golpeados. Por gandeiros e labregos, dos que tan poucas veces nos acordamos: eles, que nos alimentan e que reciben moitísimo menos do que entregan. Polos brigadistas, bombeiros, voluntarios, Garda Civil, Protección Civil, Exército, etcétera. Polos que viñeron doutras partes da terra para salvar a terra. Por alcaldes e concelleiros, alcaldesas e concelleiras: que gran lección de feminismo!!! Moito maior que as soflamas do Ministerio de Igualdade, que ten o triple de presuposto que o plan de prevención de incendios do Estado. Polos que perderon todo, porque renacerán. Polos que caeron, porque han de levantarse e o pobo ha de axudalos. Polos que apenas durmiron. Polos que choraban e choran sen alivio posible. Polas queimaduras nas mans e polas da alma (que talvez sexan máis difíciles de curar). Polos que aínda están nos hospitais, para que pronto regresen a casa. Polos medios de comunicación, pola súa profesionalidade e entrega. Por Ourense, que non agachou nin agacha a cabeza. Polos que sufrimos a peor traxedia do monte (de Nós) en toda a historia. Polos nenos que naceron estes días: Galicia será de novo verde. Polos que non estiveron e chegaron tarde (algúns o pasado domingo), oxalá o futuro lles outorgue un mínimo de corazón e humanidade. Polo porvir, que teremos que ganalo. E por todos os galegos, que non merecemos esta cicatriz, esta dor, tanta desesperación. Oxalá Deus nos dea forza e tesón para saír adiante. Así será.