En todas partes

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Querer estar en todas partes. Ese é o meu dilema. Se estou na casa da miña nai quero estar con ela, pero tamén quero estar na miña casa co Xan, ou na miña casa soa. Se paso tempo cunha das miñas irmás, penso que tamén querería pasar tempo coas outras, entón intento xuntalas a todas, e acabo non pasando tempo con ningunha... Pásame o mesmo cando teño que ir a algunha parte por un compromiso social ou profesional. Querer, quero estar alí, pero tamén quero non ir, ou estar noutro lugar... e así constantemente. Pensei que cos anos sería capaz de deixar de lado esta sensación. Pero coido que o único que consigo é facela peor, pois sigo sen aceptar que cada un é como é, e que, se cadra, o meu xeito de estar no mundo é ese: querendo estar e non estar ao mesmo tempo en calquera lugar.

Teño anotada unha cita que lle escoitei ao actor Christopher Walken nun documental sobre Roger Moore, na que dicía: «En maior ou menor medida, todos nos inventamos a nós mesmos. Nalgún momento decidimos quen nos gustaría ser». E nesa cita pensaba eu estes días cando me deu por imaxinar onde e como sería a miña vellez. Quizais porque acabo de cumprir corenta e cinco anos, ou porque son consciente de que vivo varias vidas á vez: a de aquí, a de alí, a do medio... todas elas diferentes, e todas elas miñas. Pero esa vellez está de súpeto máis presente ca nunca, e lévame a reflexionar sobre esta vida inquieta que inventei e que foi mudando cos anos, a que me ofrece a sensación de ter a liberdade de poder estar en moitos sitios, de ser a dona das miñas decisións; cando a realidade é que por moito que o intente nunca estarei onde quero estar, ou onde coido que querería estar...