Rendeiros

OPINIÓN

Lavandeira jr | EFE

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Falo cun amigo, que estivo canda min na Compostela dos anos oitenta do século pasado, cando a cidade era un fervedoiro de estudantes e os edificios estaban ao seu dispor. Está preocupado porque non dá atopado piso para a filla e lembra os pisos a esgalla que había daquela e que pertencían a moitos matrimonios que fixeran cartos na emigración e investiran no ladrillo como unha opción segura para seguiren facendo máis diñeiro. Nós, que vivimos canda outros estudantes, nun piso que pertencía a un carniceiro ourensán con outras dúas propiedades arrendadas, odiabamos esta figura de traballador de sofá que adoitaba tratar os estudantes coma se fosen gando. Sempre estaban a rosmar contra esa xuventude que tanto carto lles daba, case sempre en negro, naqueles sobres aéreos que xa indicaban que ían voar enteiros fóra das arcas do Estado. Non todos os rendeiros eran así, pero a queixa do universitario era case unánime e a min nin se me pasaba pola cabeza converterme en alguén así, unha sorte de parasito acomodado que vive, precisamente, de rendas. O curioso é que, cando as miñas fillas foron á universidade, a miña muller e mais eu, que tiñamos un cartos aforrados e tamén moito medo a que a crise puidese traer unha sorte de corralito ao xeito arxentino, decidimos mercar un apartamento na cidade, non para especular, senón para que non o fixesen con nós. E velaí como, sen querer, unha vez rematadas as carreiras as fillas, vímonos convertidos nuns deses seres que eu tanto odiaba cando era estudante. Iso si, como pequenos rendeiros que non viven diso, procuramos non tirar demasiado proveito da necesidade e rexeitamos o uso abusivo de quen o fai, porque non me gustou que o fixesen nin comigo, nin coas miñas fillas, nin agora coa do meu amigo.