Queremos ser mellores, non máis

Begoña Graña ONCÓLOGA MÉDICA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestas últimas semanas vivimos unha apaixonante polémica sobre a proliferación de facultades de Medicina en Galicia. Un debate que se centra en se teremos unha, dúas ou tres, entendendo que a cantidade é sinónimo de calidade.

Por unha banda, temos a loable iniciativa da Universidade da Coruña, que argumenta ter os «recursos necesarios» para un «programa moderno e de calidade» que responda á «alta demanda estudantil e social». Pola outra, a Universidade de Vigo reclama a súa propia facultade por ser «a cidade máis poboada de Galicia» e por unha «necesidade crecente de médicos». E, no medio de todo isto, a Xunta blinda a carreira en Santiago, mentres propón «unidades docentes» na Coruña e Vigo, reclamando «xenerosidade».

Resulta curioso, por non dicir hilarante, que en toda esta discusión se poña a énfase en «formar máis médicos», pero a calidade da formación pareza ser unha nota a pé de páxina, se acaso. A World Federation for Medical Education (WFME), nos seus WFME Global Standards for Quality Improvement of Medical Education, subliña a importancia de que o proceso de desenvolvemento profesional continuo (CPD) «mellore o desenvolvemento profesional e persoal dos médicos e a súa capacidade para actuar no mellor interese dos seus pacientes e da sociedade». Tamén fala de «recursos para a aprendizaxe» e de «interaccións con colegas» como elementos claves para a calidade. Pero aquí parece que a única métrica relevante é o número de matrículas.

E, xa que falamos de calidade, non podemos obviar a «longa tradición» da Facultade de Medicina de Santiago. Unha tradición que, por desgraza, non sempre foi sinónimo de excelencia e meritocracia. Non fai falla ir moi lonxe para recordar as denuncias de «caciquismo universitario» que xa Roberto Nóvoa Santos tivo que afrontar hai máis dun século, cando se sentiu vítima de prácticas endogámicas na elección de profesorado tendo que acabar marchando en 1928 á Universidade Central de Madrid, grazas aos seus méritos recoñecidos internacionalmente na súa época e grazas ao apoio de Gregorio Marañón, entre outros. Pero non nos enganemos, as universidades da Coruña e Vigo tampouco son un modelo de independencia. Os que tivemos a fortuna de presentarnos a diversos procesos selectivos de profesorado nas universidades de Galicia sabemos ben que a meritocracia ás veces é un concepto con máis teoría ca praxe.

E, no medio de toda esta polémica, están os estudantes, con notas de corte absolutamente estratosféricas, por riba do 13, perfeccionistas absolutos, pero que se frustran cando coñecen a realidade da profesión sanitaria, moi lonxe do ideal que lles prometeron, deixando na cuneta estudantes que serían médicos excelentes, menos técnicos quizais, pero que non chegaron a alcanzar esas inhumanas medias.

Quizais, antes de seguir engadindo facultades, deberiamos deternos a reflexionar sobre os fins da medicina. O documento elaborado polo Hastings Center en 1996, onde xa se nos advertía de que a medicina non debe ser «arrastrada por un desenvolvemento tecnolóxico imparable» e que o seu obxectivo non é só «a curación da enfermidade e o alongamento da vida», senón tamén a «prevención das enfermidades, a paliación da dor e o sufrimento», e situar «ao mesmo nivel o curar e o coidar». Unha lectura que axudaría a moitos a entender que a formación médica vai máis alá de encher aulas e hospitais e que a verdadeira calidade reside en formar profesionais comprometidos co paciente e coa sociedade, non con intereses localistas ou corporativistas. Queremos ser mellores, non simplemente máis.

En fin, espero que esta carta, a pesar do seu ton de sarcasmo estival, contribúa a un debate máis profundo, menos centrado na cantidade, e máis na calidade e nos verdadeiros fins da medicina en Galicia.