
Ten moita razón Benítez Reyes cando di que un dos principais problemas que presenta un problema é o da retórica que despregamos en torno a el, porque en realidade un problema necesita unha solución, e non unha controversia.
Coñecemos o problema dos lumes, especialmente en Galicia. Algúns datos. Practicamente a totalidade do monte galego (o 97 %), dous millóns de hectáreas, é de propiedade privada. En Europa, por termo medio, é público o 50 %. Galicia representa, redondeando, o 6 % do territorio español, pero aproximadamente o 28 % dos propietarios de monte en España (calcúlase que 900.000 galegos son titulares dalgunha parcela forestal).
Prevalece o minifundismo, e boa parte dos titulares do monte son descoñecidos, nada menos que o 40 % nas fincas limítrofes (franxas) ás vivendas. Xa se sabe: emigración ou herdanzas sen repartir. O monte cumpría unha función de subsistencia socioeconómica hai dúas xeracións (en 1950, o 80 % da poboación vivía no medio rural e da terra), pero hoxe, cando non abandonado (case unha terceira parte é toxo e matogueira), o monte está desordenado, primando a rendibilidade económica a curto prazo: máis doutro terzo do monte galego son pinos e eucaliptos. Só o 15 % ten ordenación silvícola e só unha quinta parte é bosque de frondosas. E entre 1989 e 2011 a metade do noso territorio agrícola cambiou de uso.
Tamén sabemos que non son un problema os servizos de extinción autonómicos. Públicos na súa totalidade en Galicia (agás os medios aéreos), a súa capacidade está fóra de toda dúbida: o número de lumes apagados, ano a ano e tamén este, dá conta disto; e se non poden cun lume é simplemente porque non se pode con ese lume, como tamén acontece en sitios tan distantes, e ricos, como Australia ou California. Ninguén financia servizos públicos pensando na peor das situacións, do mesmo xeito que Ucraína non investía o mesmo en armas antes da invasión que en plena guerra.
Se alguén quere saber cal é o problema dos lumes pode consultar as preto de trescentas páxinas do Ditame da Comisión de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal de Galicia, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2018. Elaborouse coas achegas de preto de 60 expertos e 50 informes de institucións académicas e sociais, e as súas conclusións e recomendacións, que guían desde entón a política da Xunta, foron mesmo demandadas pola Asemblea da República Portuguesa. O ditame, aprobado por unha ampla maioría (PPdeG e PSdeG-PSOE, co voto en contra das Mareas e o BNG, que aínda así apoiaron o 90 % do seu contido), dá conta da magnitude do problema ao que nos enfrontamos, e do tempo que vai levar resolvelo.
Entre as máis de cen recomendacións, por certo, non figura a de abrir controversias políticas en medio da maior vaga de lumes da historia, e si a de promover a colaboración entre todas as Administracións. A conveniencia de non abrir controversias políticas mentres moitos se xogan a vida contra as lapas defendeuno o outro día a vicepresidenta terceira do Goberno de España desde Baiona. Xusto antes de anunciar a súa presenza horas despois nunha manifestación contra a política forestal da Xunta. Os lumes son un problema. Ben distinto do problema da retórica política incendiaria.