As estrelas inspiran moitos contos. E tamén hai vidas que semellan saídas dun deles. A historia de Cristopher Castro Traba semella unha mestura das dúas ideas. Perdeu a nai de neno e alguén lle dixo que marchara ás estrelas. Desde entón, o pequeno decidiu que quería cruzar o universo para atopala e reencontrárense. Comezou así un camiño que se converteu nunha carreira cara ao espazo.
Así, o protagonista desta historia mesturou dor e soños, ciencia e emoción. O que comezou sendo un desexo infantil, converteuse nun proxecto vital: estudar enxeñaría aeroespacial, investigar, traballar en satélites, gañar bolsas e abrirse camiño en Europa. Todo para estar un pouco máis preto do ceo. Mais, de súpeto, o conto pega unha viraxe. O mesmo mozo que de neno soñaba coas estrelas que coidaban da nai, confesa agora que, se lle ofrecesen a posibilidade de participar nunha misión a Marte sen regreso, aceptaría. Xa non por reencontrarse coa súa nai, senón por pura curiosidade.
Para min, o conto muda, deixando un pouso agridoce. Os contos non sempre rematan ben. Ás veces a viaxe ao ceo é unha metáfora luminosa, unha forza que move e inspira; outras, pode converterse nunha aposta arriscada, nunha despedida sen retorno.
Con todo, segue habendo unha maxia especial nese darse aos demais, no seguir os soños que nos levan (demasiado) lonxe, en arriscar a vida por aumentar o coñecemento. Claro que, nestes casos, os protagonistas dos contos son seres moi especiais. Por iso, non esquezamos que hai que coidar a maxia.