Memorizar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En inglés chámase cognitive offloading (algo así como «descarga cognitiva» ou «delegación cognitiva») e, segundo Risko & Gilbert, é «o uso da acción física para alterar os requirimentos de procesamento da información dunha tarefa co fin de reducir a demanda cognitiva». Que, traducido á miña linguaxe particular, se refire a todo aquilo que delegamos nunha acción física para reducir a nosa carga cognitiva, como por exemplo: escribir a lista da compra en vez de memorizala, usar unha calculadora para resolver operacións, ou, no meu caso, sacar fotos aleatorias para non esquecer as cousas que fago acotío.

Pensaba niso estes días precisamente por esas fotos que fago, das que ás veces non teño nin a memoria de telas feito, nin a memoria do momento vivido (algo que, por certo, tamén está documentado cientificamente). Cando miro o álbum de fotos do meu teléfono son capaz de dicir «tal día estiven en tal sitio», pero non sempre son capaz de recuperar a memoria do momento concreto, a menos que haxa algo emocional que me leve a ela.

É curioso, pois a miña relación coa tecnoloxía é bastante pacífica. Fago o posible por estar ao día, por aprender novos recursos, por entender o rol da intelixencia artificial nas nosas vidas. E non sei se é polos anos, por este momento da vida, ou pola miña relación coa tecnoloxía, pero coido que, canto máis aprendo, máis esquezo. Por moito que delegue a miña carga cognitiva nesas miñas listas infinitas nas que anoto as cousas que teño que facer, non teño eu moi claro se é mellor re-aprender a memorizar todo ou deixar o pánico de lado e aceptar que a miña memoria xa non era boa antes de que a tecnoloxía se apoderase da miña vida...