Liberdade relixiosa

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

30 ago 2025 . Actualizado a las 10:40 h.

O 6 de xuño, o único concelleiro de Vox en Jumilla (Murcia) presentou unha moción para prohibir á comunidade musulmana a celebración pública da Festa do Cordeiro, e o PP, que goberna, aproveitouna para ir máis aló e vetar os espazos públicos a toda actividade cultural, social ou relixiosa allea ao Concello. Na práctica impídese o rezo colectivo dos musulmáns nunha área común e a Conferencia Episcopal saíu en defensa da Comisión Islámica, cualificando a decisión do Goberno municipal de discriminatoria e incompatible cos principios dunha sociedade democrática. Foi un detallazo e a min chegoume á alma. Non é para menos, porque durante moitísimo tempo e ata hai pouco a Igrexa aplaudiría ao PP de Jumilla.

Nas Cortes de Cádiz, cun terzo da asemblea ao seu favor, a Igrexa conseguiu que a Constitución de 1812 sancionase que «la religión de la nación española es y será perpetuamente la católica, apostólica y romana, la única verdadera». E repetiuse nas de 1837 e 1845 e no Concordato de 1851; e cando na de 1869 se permitiu a liberdade relixiosa, os berros dos bispos chegaron ao ceo. O artigo 21 dicía que a Nación pagaría os salarios dos ministros da relixión católica —os das monxas non, que as monxas non cobran do Estado nin da Igrexa—, e aínda así andaban doentes. A de 1876 acougounos. O artigo 11 sancionaba que a relixión católica era a do Estado e que non se permitirían máis cerimonias públicas que as da relixión do Estado. Talmente como en Jumilla, e aos bispos pareceulles a mar de ben. A liberdade relixiosa chegou de verdade coa Segunda República e a Constitución de 1931, e aos bispos pareceulles fatal. Para sabermos o mal que se sentiron, abonda recordar o que dixeron durante gran parte do franquismo, pero hoxe imos esquecelo. Porén, non foi só en España nin nos dous últimos séculos onde e cando a Igrexa se mostrou intolerante coa liberdade de cultos, e por iso o 12 de marzo do ano 2000 o papa Xoán Paulo II pediu perdón polos pecados da Igrexa contra os dereitos dos pobos e o respecto a outras culturas e relixións.

A min paréceme que a intolerancia relixiosa, como calquera fanatismo, nace, medra e fortalécese en quen non ten sentido do humor. Non podo imaxinar a Tomás Moro, nin a Erasmo, nin a Cervantes, nin a Chesterton, nin a José María Cabodevilla, nin ao papa Francisco, nin a ningún dos meus amigos católicos repetindo o que cardeais franquistas dixeron dos xudeus e dos protestantes; nin acusando de burla do sacramento da Eucaristía a Martes y Trece porque ante un partido de fútbol entre o Cádiz e o Real Madrid dixeron: «Tomad y jugad todos con él, porque este es mi Cádiz».

Pensar nestes con solideo dá medo.