Sobran incendios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MANUEL

30 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha puntualidade que se converte en maldición, o fume cobre os nosos montes cada verán. Todos os anos a mesma dor: arte a terra, a raíz, o futuro. Dóeme fondamente constatar que, como sociedade, carecemos de memoria e, polo tanto, de responsabilidade. Esquecemos os lumes coas primeiras pingas da chuvia de outono e só reaccionamos ante o problema cando as lapas xa están devorando centos de hectáreas e as cinzas non nos deixan respirar.

O esquecemento, a inacción, é unha ferida aberta. Négome a resignarme, por iso me enche de xenreira a sensación convertida xa en realidade de que todo se repite e nada cambia. A paisaxe queimada é un espello no que se reflicte a incapacidade colectiva de coidar o que é noso e nos sostén.

Sobran os lumes mentres os políticos están aos seus propios incendios. De novo os mesmos discursos gastados, a mesma actitude infantil botando balóns fóra, coma se precisamente estivesen a agardar unha nova traxedia para acusar ao adversario, culpalo de todo e facernos ver que o de enfronte sempre o fixo peor. En realidade, non se fixo nada. O abandono é unha constante.

O que necesitamos é visión, compromiso e valentía política para mudar o modelo forestal, investir na prevención e poñer a vida e a terra por riba de todo o demais. Non queremos incendios tamén nos despachos, sóbrannos!

O lume non se apaga con reproches nin discursos de emerxencia, senón con responsabilidade, memoria e un pacto xeral antes do próximo verán. Non deixemos que volvamos a arder.