Responsabilidades

Arantza Portabales
Arantza Portabales FIRMA INVITADA

OPINIÓN

maria pedreda

31 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo nun libro de Marta Jiménez Serrano que cos fillos unha non elixe nada, pero se responsabiliza de todo. Eu engado, con ese tipo de responsabilidade que nos conduce directamente á culpa. Estes días, co gallo dos incendios, no que todo o mundo anda á procura das responsabilidades, non podo deixar de pensar no curioso que resulta que axiña as pedimos cando estamos a vivir nun momento en que nos afixemos a non asumilas. Porque resulta que o noso equipo de fútbol nunca xoga mal, é o arbitro o que nos roubou o partido. Os nosos fillos non fracasan nunha materia, son os profesores, que lles teñen manía. Recibo mensaxes de lectores con libros pirateados felicitándome pola miña nova novela. Se llo fas ver, contestan que o senten, que ignoraban ese feito, e outros o xustifican dicindo o moito que lles gusta ler e o caros que están os libros. Imaxino que neste caso a responsabilidade é da editorial ou do escritor, por pretender vivir do conto, nunca mellor dito. Todos estamos a agardar por un político que perda as eleccións e asuma publicamente que o seu traballo nos últimos catro anos, no poder ou na oposición, non mereceu a nosa confianza. Si, eses mesmos políticos aos que lles esiximos integridade, obviando que a economía somerxida deste país acada o 24 % do PIB, ocupando o terceiro lugar no podio de defraudadores dentro da Unión Europea. Si, somos o país de «con IVE ou sen IVE». A última memoria da Axencia Tributaria española fala de case 16.000 millóns recadados en actividades de control.

Así que por unha banda estamos a exixir responsabilidades e por outro a normalizar que iso non se nos aplica a nós.

Porque a culpa sempre é dos demais. Ou non.