Tenis alucinado

OPINIÓN

Robert Deutsch | REUTERS

01 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns tenistas quéixanse de que nas pistas onde se xoga o Aberto de Estados Unidos, un dos catro torneos de Grand Slam, cheira a marihuana. E o primeiro que pasa pola miña cabeza é se iso é posible, porque, aínda que aí a lei lles permite fumar esa substancia aos maiores de 21 anos, non se pode facer dentro dos recintos do torneo. O problema é que seica hai parques nos arredores de Flushing Meadows e as pituitarias dalgúns tenistas, entre eles as de Djokovic, detectan ese cheiro para unhas persoas, ou recendo para outras, e pode determinar o resultado dun partido, non tanto polos efectos alucinóxenos como pola respiración do fume nuns pulmóns cansos. Comprendo esa incomodidade, pero moita xente xunta debería estar a fumar para encher o aire con esa droga. Semella máis unha circunstancia que altera a concentración ca a capacidade física. Non son fumador, nin quero defender a quen o é, pero a min, como deportista, preocuparíame máis a contaminación do aire con outras substancias ben nocivas para a saúde que se adoita respirar nas grandes cidades e que si poden decantar o resultado dun partido e dunha vida. Lembro que, cando era mozo e tiñamos un grupo de rock, había xente que te agasallaba con herba ou haxix para que a música fluíse máis nos concertos. Eu, que daquela non era fumador de tabaco nin de ningunha droga, aceptaba eses porros con educación e, para non defraudar a quen mos daba, fumábaos sen tragar o fume. Evidentemente, o feito non producía ningún efecto en min, pero si en que mos daba, que crían que a felicidade que se me puña na ollada cando tocaba tiña máis que ver coa droga que coa miña paixón musical. Unha percepción errónea, coma a dalgún tenista sensible que descansa no cheiro da marihuana a escusa para a derrota.