Silencio no escaparate

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Mohammed Badra | EFE

02 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos nun tempo no que cada sorriso, cada viaxe, cada café con escuma ben disposta pode acabar no escaparate global das redes sociais.

A vida, que antes se escribía en diarios pechados con chave, agora vive exposta coma un álbum aberto a calquera.

Sen decatármonos (ou si), imos cedendo máis ca fotos, entregamos a intimidade, a espontaneidade, a pequena maxia de vivir un momento só para un mesmo ou para quen nós eliximos. O instante deixa de ser noso cando o filtramos para que guste.

Hai unha beleza profunda en non contalo todo, en gardar un segredo, en conservar unha lembranza coma un tesouro que só se abre ante as mans que queremos.

Un bico na rúa, unha noite de risas con amigos, unha posta de sol que quece a pel: todo iso ten un valor intraducible polas cámaras.

As redes poden ser lugar de encontro, de creatividade, de inspiración; pero convén lembrar que a vida non necesita ser aprobada por descoñecidos.

O que non se comparte é tan real —ou máis— coma o publicado e, ás veces, máis fermoso precisamente porque queda intacto, sen filtros, sen comentarios, sen medir.

Eu tamén fun á praia, comín rico, vivín momentos fermosos e rin ata que me doeron as meixelas. Pero gardeino para min, e iso fíxoo máis meu.

Quizais a liberdade hoxe sexa decidir que partes de ti quedan fóra do escaparate.

Porque hai amores, amizades e instantes que se fan máis fortes e intensos cando só habitan na memoria dos que os viviron.

E esa memoria, como un xardín secreto, florece mellor lonxe do ruído.