Parar o tempo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As hortensias levan murchas un tempo, avisando de que o verán vai chegando á súa fin. O tráfico na cidade volve ao seu ritmo habitual: non hai sitio onde aparcar, non hai paciencia... Volve a présa con setembro, e con ela a sensación de que o verán é xa un tempo pasado. De súpeto chega algo de frío, e tamén algo de choiva. Bendita choiva. E de súpeto comeza esoutra etapa do ano na que todo son comezos: o curso, o traballo, a normalidade.

Setembro é un mes complexo. É un mes a medias. A medio camiño entre o verán e o outono, entre o que foi e o que será. E cada setembro teño a impresión de que todo pasou correndo. Se hai nada celebramos o San Xoán! Se hai nada que cheguei aquí! As estacións non perdoan, pasan tan rápido que non nos dan tempo a aceptar que cando xa estás afeita a elas (á calor, á lentitude do verán), tes que bulir para retomar o ritmo dun outono que aínda non chegou pero que todo arredor de nós apunta a que xa está aquí.

Hai días nos que querería ser capaz de parar o tempo para poder enchouparme ben desas sensacións que nos enchen de vida, esas que esquecemos nun segundo e que pasan tan rápido coma as estacións. É curioso, pois temos a tendencia de esquecer aquelas cousas sinxelas e cotiáns que fan que desfrutemos da vida sen pensar moito nela, e tamén a tendencia de lembrar máis as que nos fan sentir mal, as que nos causan algunha dor. Por iso, neste comezo de curso, neste final do verán, tentarei cumprir un dos meus propósitos, tan só un, anotar o seguinte nese meu caderno de cousas que facer: «Cada vez que te sintas ben atesoura esa memoria no teu banco particular, e non deixes que a apatía hipoteque ese momento de felicidade».