Palestina

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Abdul Saboor | REUTERS

08 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos relatos bíblicos os palestinos eran os filisteos, que ocupaban a terra de Canaán, a que Deus prometera a Moisés e aos patriarcas hebreos, a que conquista Xosué guiado pola estratexia divina, a terra de Xericó e as cidades todas dende a fronteira do Líbano ata case a fronteira de Exipto, sempre arredor do río Xordán. Tres mil anos antes de Cristo. O conflito máis recente é de 1948, cando a ONU decide dividir o vello mandato británico entre árabes e xudeus, na idea dos dous estados que volve considerarse agora. Daquela os árabes non aceptaron o reparto e os xudeus proclamaron pola súa conta o Estado de Israel. A chamada Franxa de Gaza e a Cisxordania, que hoxe aínda constitúen o Estado de Palestina, son unha parte da rexión histórica. Nestes territorios céntrase o actual conflito que nos estremece e nos arrepía. A Real Academia Galega define «xenocidio» como a «exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos». Non sei de que outra maneira podemos definir o que está sucedendo nesa parte do mundo. O máis terrible é que os seus executores (o Goberno do Estado de Israel) son os mesmos que deberían ter memoria das terribles masacres que ao longo da historia sufriu o pobo xudeu, máis concretamente a política de exterminio nazi na Segunda Guerra Mundial.

O malo de calquera análise é que ten dúas dimensións: a política e a mítico-relixiosa, e neste caso ambas as dúas se confunden na mentalidade ou discurso dos actuais gobernantes de Israel. Seguramente tamén nos líderes de Hamás. Lin sempre con moito interese a literatura de Amos Oz (Xerusalén, 1939-Tel Aviv, 2018), xudeu consciente da súa identidade, quen militou valentemente no territorio do entendemento, mesmo a risco de non ser comprendido pola súa propia xente. A súa obra está editada por Siruela (Biblioteca Amos Oz).

O esforzo intelectual e político fundaméntase no respecto e no recoñecemento. Por todas as partes, por suposto. Mais nesta ocasión a barbarie do Goberno xudeu é tan grande, tan salvaxe, tan desproporcionada que anula calquera posibilidade de comprensión, xa non digamos acordo. A posición das sociedades occidentais (Unión Europea e Estados Unidos) é vergonzosa. Só se explica polos poderosísimos intereses económicos que o sionismo sostén: industrias culturais (o cinema), os grandes eventos de ocio, intereses armamentísticos, poderes financeiros e empresariais… O festival de Eurovisión ou o que está sucedendo agora coa participación do equipo de Israel na Volta Ciclista a España son pequenas anécdotas.

O Goberno de Benjamín Netanyahu fundaméntase na mitoloxía bíblica, que é a mitoloxía relixiosa da extrema dereita, e arrastra o seu país ás guerras de Xosué e os Macabeos, a destrución dos muros de Xericó, as pragas de Exipto, Sansón contra os filisteos, David contra Goliat (que tamén era filisteo), o exterminio de quen non forma parte do pobo elixido... Cinco mil anos de historia contra a racionalidade.