
Cando eu era moza había certa rivalidade entre as mulleres, que se manifestaba con claridade cando disputaban por atraer a atención dun home ou do xénero masculino en xeral. Tratábase de ser a máis guapa, a mellor vestida, ou mesmo a máis rica. A presenza do home convertía ás mulleres en rivais implacables.
Sendo eu estudante na Universidade de Santiago de Compostela, hai uns sesenta anos, paseaba un día cunhas amigas e achegóusenos un grupo de mozos. O máis guapo púxose ao meu lado, e inmediatamente as miñas amigas informáronlle de que eu sacaba dez en todas as materias. A resposta do mozo foi: «Cada vez é máis difícil distinguilas», coma se eu pertencese a unha especie perigosa da que conviña fuxir. Aquel non fuxiu, pero a actitude das miñas amigas quedóuseme gravada.
Agora, cando teño oitenta e tres anos, observo con pracer que se produciu un cambio marabilloso na relación entre mulleres: desenvolveuse a solidariedade feminina, mulleres que axudan a outras mulleres dun modo espontaneo e natural. Cóntolles: regresei á miña casa de Madrid un domingo, despois de meses de ausencia. Non había nada que comer nela, así que collín o carro da compra e funme ao único mercado aberto ese día. Teño mal un xeonllo e a man dereita, e sempre necesito axuda para cargar ou descargar as vituallas, o que adoita facer a caixeira de quenda, pero nesta ocasión varias mulleres, que non tiñan ningunha relación entre se ou comigo, fixeron ese labor, axudáronme en todo o que necesitei e unha dela empuxou o meu carro ata un taxi.
Viva a solidariedade feminina! Alégrome non só por ser beneficiaria dela, senón porque creo que este cambio redundará en beneficio de toda a sociedade e fará un mundo mellor para todos os seus habitantes.