
España non vai ben. Non vai nada ben. O dato é claro e é do Instituto Nacional de Estatística. En España suicídanse cada día 11 persoas. Téntano moitísimas máis. E, segundo os datos oficiais, dende hai dez anos a cifra non deixou de medrar. O díxito é frío, pero é espantoso: cada dúas horas e cuarto unha persoa quítase a vida en España. Unha realidade escura que non nos gusta coñecer, porque vivimos no flower power de Carlitos Alcaraz e dunha selección que golea, pero en España matáronse o ano pasado 4.016 persoas, é dicir, o equivalente, para que se fagan unha idea, á poboación de Curtis, Sigüeiro ou As Neves. Se os habitantes de concellos con esa poboación, todos, se quitasen a vida, entenderiamos que hai un problema. Pero como cada suicida é de seu pai e da súa nai, parece que non temos ese problema en España.
En Europa, nos últimos dez anos, a tasa de suicidio baixou un 13 por cento. Sen embargo, en España, agás un lixeiro descenso no 2023, non fai máis que medrar. Deberiamos, pois, tomarnos moi en serio as advertencias da Asociación Española de Pediatría, que pide que se comece tratar este asunto xa dende a infancia. A idea horroriza a moita xente, porque se o acto de acabar coa propia vida xa nos revolve a conciencia, maxinar a cativos ou adolescentes xa non só pensándoo, senón, ademais, facéndoo, é unha idea dolorosa de máis. Pero o certo, como sinalan os profesionais da saúde mental especializados neses chanzos de idade, é que moitos dos problemas que levan a que logo de adultos se suiciden teñen que ver con cousas que pasan na infancia e que, por suposto, comezan facer dano, unha dor insoportable, nesas primeiras décadas de vida. Así que podemos seguir ollando cara outro lado ou pensar que, un ano máis, tantísima xente vai quitarse a vida.
O benestar dunha sociedade non pode medirse en díxitos do índice bursátil. Cando hai milleiros de persoas, entre nós, no supermercado, no autobús, entrando no cine, nun concerto, que están pensando no máis atroz que pode existir, como é quitar a propia vida, se iso existe hai que dedicar recursos e enerxía —públicos— a poñerlle freo. O capitalismo é voraz, sabémolo, e o que lle preocupa é que consumamos, que traballemos, que sexamos produtivos. Pero deberiamos aspirar a unha sociedade que se toma en serio a saúde mental porque, certamente, hai un asasino silencioso que leva por diante, cada ano, milleiros e milleiros de seres humanos. No mundo, segundo la OMS, quítanse a vida cada ano unhas setecentas mil persoas, é dicir, unha persoa cada 40 segundos. Ou, se o prefiren ver así, o equivalente á cidade de Zaragoza.
Cómpre atacar isto. Váisenos a vida.