Cada vez que un visita Atapuerca ponse transcendente e, por moito que teña lido e interiorizado como propio, séguense levantando interrogantes, seguramente desde o descoñecemento. Aínda que moitos arqueólogos e paleontólogos traballaron nos xacementos desde que se abriu a trincheira do ferrocarril no século XIX, hai que lembrar os que máis achegaron, Emiliano Aguirre e, no seu ronsel, Juan Luis Arsuaga, José María Bermúdez de Castro e Eudald Carbonell.
Millóns de anos atrás, coa oroxenia alpina, separáronse os mares, alzáronse os Pirineos e, a través das canles dos actuais Ebro e Douro, drenáronse as augas, emerxeron os fondos mariños e a erosión foi disolvendo a rocha calcaria e formando grandes covas e dolinas, que ao longo de milenios se reencheron por arrastre dos restos superficiais. O que me interesa é o proceso intemporal de formación da «consciencia» como recoñecemento da existencia de un mesmo e do outro. Primates e homínidos son liñaxes que se separaron conservando un patrimonio xenético común do 99 por cento, como se a alma e a razón fosen só ese un por cento diferencial. Uns seguiron nas selvas tropicais, outros baixaron ás sabanas, fixéronse máis bípedes, miraron o horizonte e construíron abrigos onde resgardarse das continxencias climáticas e sentirse seguros. Quizais a insoportabilidade do sufrimento, a consciencia da dor e da morte contribuíron a formar paseniñamente o sentido da transcendencia, e a adquisición da linguaxe foi o paso definitivo cara á humanidade.
As primeiras construcións intuitivas evolucionaron cara á construción consciente da arquitectura, da simple cabana ao enterramento, amoreando pedras sobre as tumbas, e logo o templo, morada simbólica do espiritual. Atrévome a dicir que poucas cousas foron inventadas, nin todo foi produto da evolución. A Prehistoria segue a ser unha amálgama, igual que os enigmas do Universo.
O traballo da Fundación Atapuerca é rigoroso. O labor de divulgación está ben organizado, visitas concertadas con tempo, explicacións didácticas con algunhas narracións sorprendentes para salvar os hiatos do coñecemento. O longo ciclo de investigación nos xacementos queda plasmado na exposición do Museo da Evolución Humana, un dos tres edificios do complexo proxectado polo grande arquitecto e pintor Juan Navarro. No claro espazo de amplitude impresionante todo está á vista nun percorrido intelixible, con habitáculos nos que o visitante pode introducirse para saber máis. Un bo exemplo de entendemento entre arquitectura e exposicións.