«El cautivo»

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

15 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Asistín o venres á estrea da película El cautivo, de Alejandro Amenábar, que trata dos cinco anos que Miguel de Cervantes pasou escravizado en Arxel e, sen entrar nos seus valores cinematográficos, que seguramente serán moitos, como película histórica decepcionoume. Desque saín do cine pregúntome que pretende Amenábar con este documento sobre un Cervantes homosexual e canto máis o penso, máis claro o vexo: levar a brasa á súa sardiña. Un Cervantes homosexual é para o movemento gai sumar outro nome glorioso aos moitos que xa ten de calquera lugar e tempo. O director argumenta que non é unha cuestión que el sacase da manga porque a atopa unha e outra vez nos libros de historia, e é certo; pero a día de hoxe, cando unha maioría amplísima da poboación respecta o movemento LGTBI e pasa da orientación sexual do veciño, vén a conto unha película sobre a de Cervantes? Eu penso que non, pero Amenábar afirma que esta película será un termómetro sobre a homofobia en España.

Os argumentos a prol da homosexualidade do escritor son varios e van das catro veces que tentou fuxir e sempre foi perdoado polo seu amo, o gobernador Hasán Bajá —un renegado de coñecidas prácticas homosexuais— á denuncia que contra el fixera o dominico Juan Blanco de Paz, escravo tamén, cando volveu liberado a España. Este canalla, que denunciara o último intento de fuga de Cervantes e sesenta presos máis, recibiu de Hasán Bajá unha recompensa moi inferior á de Xudas: un escudo e unha caneca de manteiga. Di Astrana Marín que en 1592, sendo racioneiro da igrexa colexial de Baza, atopouse fronte a fronte con Cervantes e sentiu tanto medo que fuxiu a Arxel e fíxose renegado. Iso e un matrimonio irregular cunha muller coa que apenas viviu fixo que escritores rivais cuestionasen a súa virilidade. Lope de Vega, sempre disposto a mortificalo, dille nun soneto moi obsceno: «No sé si eres, Cervantes, co ni cu», que pode aludir a esa cuestión. Son indicios que nada proban, aínda que hoxe darían para enfrontamentos feroces e interminábeis entre dereitas e esquerdas no Congreso e máis dun xuíz abriría unha causa penal e investigaría a toda a familia. Algo así pasou en 1605, cando Cervantes empezaba a gozar da extraordinaria acollida do Quixote. Vivía coa muller, a filla, as irmáns e a sobriña, e unha noite alguén feriu ao cabaleiro Gaspar de Ezpeleta diante da súa casa. Un xuíz prendeunos a todos, non como sospeitosos da agresión, senón porque unha veciña declarou que naquela vivenda entraban «de noche y de día algunos Cavalleros questa testigo no conoce, mas de que en ello hay escándalo e murmuración». De maneira que outro cineasta audaz pode tratar dun Cervantes macarra. Todo se andará.