Un descenso aos infernos

Cristina Sánchez-Andrade
Cristina Sánchez-Andrade ALGUÉN BAIXO AS PÁLPEBRAS

OPINIÓN

Movistar Plus+ © Quim Vives

17 sep 2025 . Actualizado a las 12:16 h.

Sirât, cuarta longametraxe do cineasta Oliver Laxe, producida por El Deseo, é a historia dunha viaxe, ou mellor dito, un descenso aos infernos. Un pai vai a África na busca da súa filla, perdida hai anos logo de asistir a unha rave. A música electrónica destas festas, que se desenvolven no medio do deserto, é a mesma que acompaña ao espectador durante todo o filme. Trátase dun latexo constante, dunha pulsión feroz que te envolve. Que te hipnotiza.

Non quero eu entrar a comentar moito máis sobre o argumento. O caso é que se trata dunha película estraña, unha película que te saca da butaca e te mete nun universo seco e poeirento. Por baixo da música constante latexa un medo, o medo a perder un fillo, que é o medo universal de todos os pais, o máis común e aterrador, o que se escoita no medio da noite (aínda hoxe) como a gargallada dunha alimaria feroz. Ao comezo da película, o medo céntrase na filla perdida. Máis adiante, ese mesmo temor estoura en mil anacos, metamorfoséase, convértese no peor dos pesadelos.

O ritmo que crea a película tamén é un recordo: a rara noción de que iso (o mal?) está sempre aí, axexante, silandeiro, dinámico, furando a conciencia igual que as toupas furan a terra, alimentándose do miolo da vida. O espectador non o sabe coa cabeza nin tampouco o ve cos ollos. Sínteo nalgún lugar recóndito do seu corpo, nun lugar que é anterior ao pensamento. E é que en Sirât todo son tripas.