
Un sonoro «en serio?» saíu de min provocándome desasosego. De verdade que o matrimonio Macron vai presentar probas científicas de que Brigitte é unha muller?, pensei esta vez. Claro que o meu afán xornalístico non me deixou parar, e púxenme a procurar os motivos polos que rula a teoría de que a première dame foi declarada premier monsieur ao nacer, ou peor, que esa que vemos é o seu irmán. É todo unha barbaridade de tal calibre que simpatizo de inmediato con ela, a última diana dos noxentos prexuízos sobre os resultados da testosterona dos que eles se vanaglorian pero que as mulleres non podemos nin cheirar, desde ese turbio asunto de comezar con Emmanuel sendo a súa profesora ata aquilo de zoscarlle ás portas do avión presidencial, pasando pola pecadenta androxinia que cobra nela a forma das engurras inaceptábeis nunha dama.
Fascíname esta señora de 72 anos que acompaña o seu home de 47 sabendo dos comentarios que ergue, e ignorando, coa fachenda da que dorme cada noite cun raparigo na flor da vida, o xuízo implacábel coas mulleres que renuncian en público a louzanía que adoitaba lavarlles os pecados. E cando unha youtuber ultraconservadora negou os tres dolorosos partos de Brigitte, a vella mestra deu un golpe na mesa cargado da súa autoritas de primeira dama: contratou un avogado americano adestrado para chupar ata o último dólar do inmerecido salario da influencer.
Mais Brigitte e Emmanuel pensan sen dicir en alto que, nas entretelas problemáticas do seu amor, ambos saben que o de menos é se os ovarios están na barriga ou non, porque hoxe aplauden todas as señoras, nacesen como nacesen, ostentando orgullosas as engurras que demostran que viviron e amaron.