
Non me refiro á arte das persoas que soben ao escenario para interpretar personaxes do sexo oposto nin á de quen, coa axuda dun biombo, representa nun tempo brevísimo moitos personaxes diferentes. Falo de quen no escenario da política ten a habilidade de transformarse a si mesmo, como fai de virguería o presidente Pedro Sánchez. Hai pouco estaba triste, fraco, sen folgos, cos ollos afundidos… Feijoo e o seu equipo de cerebros gris marengo felicitábanse porque o vían a puntiño de tirar a toalla e convocar eleccións. E de súpeto visita unha promoción de vivendas de aluguer accesible en Málaga, dá un mitin e aparece rexo, guapo, a ollada acesa e o sorriso de orella a orella. Talmente a imaxe de Supermán. Días despois, Supermán Sánchez declarouse admirador dos manifestantes a prol de Palestina durante a Volta Ciclista, sabendo que a dereita lle iría ao lombo. Vaille a marcha. Non sei cantos ovos cocidos poderá comer Pedro Sánchez nunha hora, pero co seu transformismo persoal recórdame o inesquecible protagonista de A lenda do indomable.
Ollo, que o transformismo de Núñez Feijoo tampouco é pataca miúda. Sen gafas, co pelo revolto, algún quilo máis e o troco do discurso moderado polo de agresividade extrema ata rematar coa parvada «me gusta la fruta», fai que hoxe, ao seu carón, o home lobo semelle un peluche.
Hai un transformismo político que en linguaxe coloquial chamamos «chaqueteo», pero cómpre diferenciar o oportunista que cambia de ideoloxía para se beneficiar —coma o personaxe de Groucho Marx que dicía «Estos son mis principios. Si no le gustan, tengo otros»— e quen o fai por coherencia e honestidade. Dos primeiros levamos visto moitos en democracia. Dos outros, dos honestos, moitos máis porque son lexión. En 1980 debuxei nunha viñeta «O home que votou polas esquerdas sen saber que era de dereitas», e nela representaba os homes e mulleres que na ditadura andaran na órbita do PCE, porque a mellor maneira de ser antifranquista era ser comunista ou compañeiro de viaxe, e despois descubriron que só eran demócratas. Hoxe, os máis deles, son hipercríticos coas esquerdas todas.
E está o transformismo intelectual dos Pablo Iglesias e Irene Montero, cínicos, impúdicos e hipócritas consigo mesmos. Por eles escribo este artigo, pero non repetirei unha palabra dos seus discursos revolucionarios nin das xustificacións ridículas sobre a súa casa de novos ricos e o colexio de ricos para os fillos. Só direi que a decepción do electorado de esquerdas que aspira a facer un mundo mellor, con maior xustiza social, é grande. Aínda que contra os demagogos advirta a sabedoría popular: «Unha cousa é predicar e outra dar trigo». Moi certo.