Chipperfield: influencia global, impacto local
OPINIÓN
Admiraba a obra de sir David Chipperfield, un dos arquitectos máis influentes do mundo, autor de edificios emblemáticos como o Neues Museum en Berlín, a Hepworth Gallery en Wakefield ou a Procuratie Vecchie en Venecia, e distinguido cos máis prestixiosos premios internacionais, incluído o Pritzker. Agora, coa súa incorporación como académico correspondente á Real Academia Galega de Ciencias, tiven a oportunidade de achegarme máis á súa personalidade: alguén próximo, sereno e profundamente comprometido, que combina a excelencia profesional cunha visión ética da arquitectura.
A súa influencia non se limita á creación de edificios singulares. Chipperfield converteuse nunha voz de referencia sobre o futuro da arquitectura, defendendo unha práctica enraizada na sostibilidade. Lémbranos que a responsabilidade da arquitectura vai máis alá do soar da obra, incidindo no xeito en que crecen as comunidades, en como se preservan as paisaxes e en como as sociedades deciden habitar os seus espazos. Ciencia e arte, insiste, deben unirse á ética e ao propósito para converterse en auténticas ferramentas de rexeneración.
Neste discurso global, Galicia ocupa un lugar singular. Desde a súa primeira visita a Corrubedo, hai máis de trinta anos, Chipperfield estableceu unha relación fonda e duradeira coa nosa terra. Non se trata dun vínculo simbólico, senón dun compromiso real que se materializou en múltiples iniciativas. O momento decisivo chegou no 2017 coa creación da Fundación RIA, unha plataforma con sede en Galicia que integra arquitectura, ecoloxía, enxeñaría e planificación territorial para abordar unha das cuestións máis urxentes do noso tempo: como habitar a terra con intelixencia e respecto.
A través da fundación, Chipperfield puxo Galicia no centro dun debate internacional sobre sostibilidade costeira, revitalización rural e ordenación das infraestruturas. O seu enfoque parte sempre de observar, escoitar e respectar o territorio, propoñendo visións integradoras que combinan deseño contemporáneo e paisaxe tradicional, coñecemento global e sabedoría local. Así, dende Galicia proponse un auténtico laboratorio de ideas que dialoga co mundo, pero sen perder nunca a súa identidade.
A academia quere subliñar esta dobre dimensión da traxectoria de sir David Chipperfield: un arquitecto global que modela o futuro das cidades e da cultura, e un cidadán comprometido que traballa man a man con Galicia por un mañá máis sostible. A súa incorporación enriquece a nosa institución e reforza a nosa misión: unir ciencia, cultura e sociedade ao servizo do territorio e da cidadanía.