
Na miña condición de arquitecto, escribín sempre contra as guerras que destrúen as vidas, as cidades e a súa arquitectura, o patrimonio cultural. Irak, Siria, Ucraína e, agora, a demolición de Gaza.
Os israelís e os palestinos son, historicamente, pobos desgraciados con circunstancias distintas. Hai máis de cen anos que están en conflito, agravado polo incumprimento das resolucións dos organismos internacionais. A sangría que estamos a vivir empezou cun abominable acto terrorista, pero nesta altura parece que a situación dos reféns só interesa aos seus familiares. O Goberno de Israel, co pretexto de acabar con Hamás e destruír os seus túneles, invade a franxa de Gaza e masacra a súa poboación con bombas e fame, mentres en Cisxordania o terror imponse a través dos colonos que se asentan ilegalmente e expulsan os seus lexítimos moradores.
Que perversión da razón política se pode invocar aínda para asolar rúas e prazas como lugares de encontro e vida social, vivendas cos seus mobles e a súa intimidade, hospitais, escolas e universidades, mesquitas, mercados, cines e teatros… Os restos da sociedade e a cultura das cidades compoñen unha arqueoloxía do terror. Con xactancia, preparan o terreo con motoniveladoras para xerar sobre eses montes de entullo e restos humanos solo edificable onde cimentar novos complexos residenciais e turísticos. A especulación ilimitada do solo, porque diso tamén vai, enferma a mente. Tras o desastre convocarán concursos de arquitectura e enxeñería, adxudicarán a reconstrución ás súas propias empresas, e a pasar páxina.
O verdadeiro problema non reside nas palabras, nin en esperar a sentenza do tribunal da Haia, senón nunha cuestión moral que interpela a toda a humanidade. Esperamos que os grandes sátrapas atopen castigo por teren aniquilado os máis débiles. Que saiban que o terror xera rencor e a vinganza traerá consigo máis terrorismo.
A visión en directo do sufrimento resúltanos insoportable e, ao final, cambiamos de canle. Se a xuventude non se mobilizase estariamos paralizados. Gustaríame que o grito contra o xenocidio fose compartido por un amplo abano social, político, empresarial e cultural, como veñen de facer as institucións do Estado e o Parlamento galego. Porén, temos a indecisa Europa e a debilitada ONU, que aposta maioritariamente pola opción dos dous estados, co apoio explícito de países influíntes como o Reino Unido, Canadá e Australia.