As palabras, os nomes, o eco

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MOHAMMED SABER | EFE

29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron moitos os oídos que escoitaban a intervención do rei na ONU. Falou de Gaza, de masacre, de sufrimento, de dor infinita. Por todos era sabido que ía evitar o termo xenocidio, pois adoita gardar distancias para evitar tomar posición, en especial nas leas políticas. Por iso mesmo, aos súbditos tamén lles sorprendeu o uso destes termos. Mais, que impacto terá nas decisións dos poderosos? Seguramente será insignificante.

Con todo, pode que as palabras pesen, agora que xa estamos afeitos a almorzar o café con leite e as galletas mentres na pantalla da televisión vemos nenos mutilados, familias correndo entre escombros ou bombardeos incesantes. O alimento chega ao estómago sen dificultade.

Hai accións que custa nomear, e que incluso o seu bautismo pode provocar incendios políticos. Pero, de non darlles nome, ficarían nun limbo indesexable.

Dicimos (e falamos) moito, os uns contra os outros, pero as palabras teñen unha importancia relativa, máis aínda cando calquera frase é criticable. Quen propón suspender competicións deportivas recibe a resposta de que non se debe mesturar política e deporte. Mais por que participa Israel en Eurovisión se non pertence a Europa? Non é iso xa política? A neutralidade é unha máscara que cae sempre polo lado da conveniencia.

As palabras do rei deixan un eco, mais non abondan. O difícil é mirarnos no espello e recoñecer o que facemos —ou o que non facemos— mentres outros morren. Quizais ese sexa o verdadeiro xuízo: o que nos dita a nosa propia conciencia.