Desmemoria

Pilar García Negro
maría pilar garcía negro PROFESORA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA. ESCRITORA

OPINIÓN

O primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC, Ricardo Carvalho Calero.
O primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC, Ricardo Carvalho Calero.

29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ricardo Carvalho Calero é un clásico da nosa cultura. Como tal, non ten data de caducidade. Por isto, toda iniciativa que lembre a súa personalidade ha de ser benvida. A última que coñecemos é a da Universidade de Santiago, coa creación da cátedra que leva o seu nome. Grande foi a nosa estrañeza ao sabermos da súa inauguración. Onde estaba a representación das outras dúas universidades galegas? Do conxunto das asociacións culturais, que tanto se ocuparon de celebrar debidamente a importancia da persoa e obra carvalhiana? Ula, a presenza de todas e todos aqueles que se preocuparon de coñeceren e divulgaren o seu legado? Carvalho Calero foi brillante estudante nas aulas compostelás no quinquenio 1926-1931. Foi o seu primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, en 1972, sendo docente dela xa en 1965. Si, o escritor é compostelán, como é ferrolán de nacemento e lucense de vida e afectos. Mais é, sobre todo, como el mesmo proclamaba, un galego universal, isto é, un galego de calquera lugar da Galiza e un galego que reputaba o seu país célula de universalidade, como estabelecían os principios do Partido Galeguista a que pertenceu desde a súa fundación. A Nosa Terra, Nós ou a editora homónima, independentemente do lugar físico de impresión, foron publicacións de e para toda a Galiza. En todas elas colaborou o noso recordado escritor. Hoxe, a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega (con sede, respectivamente, na Coruña e en Santiago) son institucións galegas, non locais. O mesmo diriamos da Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura ou da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Citamos ambas á mantenta, pois foron activas promotoras de actividades de recoñecemento e difusión do escritor, en vida e postumamente. Foi, por exemplo, a Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol, en 1981, a primeira en organizar unha homenaxe pública a Carvalho, con intervención de escritores de toda Galiza e deseños de Siro e Xaquín Marín. Na mesma liña, e desde ben cedo, a Universidade da Coruña impulsou múltiples iniciativas académicas e bibliográficas para que a súa persoa e a súa obra fosen debidamente (re)coñecidas, así como o Parlamento, depositario da súa biblioteca e legado documental.

Resúltanos lamentábel, por isto, que o acto que mencionamos omitise todo este labor. Ignora a USC quen editou a obra literaria de Carvalho, mesmamente presentada no seu paraninfo o 25 de marzo de 2022, o día en que se cumprían 50 anos da súa toma de posesión como catedrático?

A quen beneficia a desmemoria?