A voltas co calendario

Celso Currás
Celso CUrrás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

JOSE PARDO

30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os tempos escolares seguen a ser motivo de preocupación. Hai uns anos modificouse a xornada, estando xeneralizado xa a única de mañá, malia non haber argumentos pedagóxicos convincentes. Con ela, a atención vespertina aos alumnos veu xerar unha discriminación entre os mundos rural e urbano. Hoxe sería impensable unha volta atrás neste tipo de xornada, pois posibilita as actividades extraescolares dos rapaces pola tarde e supón un aforro en servizos públicos complementarios e de apoio á escolarización.

Pero o debate continúa, agora co calendario. O longo período de inactividade académica durante máis de dous meses no verán non é favorable desde un punto de vista educativo, pola excesiva desconexión do traballo intelectual na grande maioría dos alumnos, que perden o hábito de estudo e competencias e coñecementos esenciais. Por outra parte, a actual carga lectiva, das máis altas de Europa, é demasiado continua, dando lugar a trimestres sobrecargados. Descansos máis curtos, pero tamén máis frecuentes, resultarían beneficiosos, como ocorre en países veciños, onde as vacacións de verán son máis curtas.

A solución defendida polos expertos sería reducir o descanso estival ao mes de agosto, pois isto permitiría aumentar os días sen clase ao longo do curso, facendo moito máis levadíos os trimestres, e tamén, unha vez máis, suporía unha discriminación positiva para os alumnos que teñen menos oportunidades de aproveitar o verán con actividades formativas. Pero esta proposta xa non está en debate, debido a varios intereses e argumentos en contra, como son que moitas familias collen o seu descanso en xullo, que neste mes fai demasiado calor nas escolas ou que o que se pretende só é facilitar ás familias a conciliación co seu traballo.

Agora, o obxectivo está centrado, polo tanto, en comezar e rematar as clases o máis axiña posible, respectivamente, en setembro e xuño, na liña iniciada xa hai anos por Cantabria, cun calendario bimestral, que, por certo, agora mesmo se está a modificar, pero recuando. Está claro que os exames finais nestes meses son un hándicap para a planificación curricular e para evitar a discriminación dos alumnos que non teñen que realizar esas probas, razón pola que o principio e final de curso están pouco aproveitados para a docencia.

O debate debe seguir, co fin de conseguir o maior beneficio para os alumnos, aínda que tamén na procura de solucións para os intereses familiares e sociais. A coordinación entre as Administracións, educativa e laboral, resulta esencial para lograr un calendario máis racional.